Vítima e agresor do crime de Redondela intercambiaron ameazas por whatsApp
Vítima e agresor do crime de Redondela intercambiaron ameazas por whatsApp
O detido permanece na comisaría de Vigo á espera de pasar a disposición xudicial
O detido en Redondela, acusado de matar un home a coiteladas e deixar ferida grave a súa parella, continúa na comisaría de Vigo á espera de pasar a disposición xudicial este domingo.
O arrestado, de 48 anos, terá que dar conta do sucedido na madrugada do venres na avenida Xeneral Rubín. O falecido, de 43 anos, presentaba feridas de arma branca no peito, á altura do corazón, e no pescozo.
A parella da vítima, de 42 anos, continúa ingresada no hospital Álvaro Cunqueiro tras ser operada de urxencia das coiteladas que recibiu, pero non se teme pola súa vida.
Ameazas por teléfono
Segundo adiantou este venres o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, os dous homes tiveran desavinzas previas. De feito, este sábado transcendeu que se citaron na noite dos feitos tras intercambiaren previamente mensaxes de whatsApp con ameazas.
Segundo confirmou o xefe da Policía Local de Redondela, vítima e agresor contaban con antecedentes penais e os seus problemas poderían estar relacionados coa súa actividade no mar.
A xuíza do Xulgado de Instrución Número 1 de Redondela, en funcións de garda, dirixe a investigación.