Publicador de contidos
Publicador de contidos

A empresa galega Ineltrón participa na posta en marcha do maior complexo petroquímico en Europa

A empresa galega Ineltrón participa na posta en marcha do maior complexo petroquímico en Europa

É unha iniciativa da multinacional británica Ineos e as obras estanse a levar a cabo no porto da cidade belga de Amberes

Ineltrón encargarase da electrificación do complexo tras adxudicarse un contrato de preto de 30 millóns de euros

G24.gal 01/02/2025 14:52

A empresa galega Ineltrón, con sede en Betanzos, vai participar na posta en marcha do maior complexo petroquímico en Europa. É unha iniciativa da multinacional británica Ineos e as obras estanse a levar a cabo no porto da cidade belga de Amberes.

Leva o nome de Project One. Trátase dunha instalación petroquímica cun investimento total de 4.000 millóns de euros.

A empresa galega Ineltrón encargarase da electrificación do complexo tras adxudicárselle un contrato de preto de 30 millóns de euros.

"Está dividido en dous paquetes, Ineltrón vai facer un dos paquetes, electricidade e instrumentación, o control do proceso, todos os sensores de temperatura, de presión, todo o cableado, toda a calibración, toda a instalación dese tipo de sensores. É o investimento petroquímico máis importante de Europa nos últimos 20 anos e que Ineos, unha multinacional de primeiro nivel, conte con nós é un salto cualitativo moi importante", di Pablo Viqueira, director xeral de Ineltrón.

O proxecto está arrincando e Ineltrón ten un prazo de execución para os seus traballos duns 18 meses. Nesta instalación petroquímica a multinacional Ineos pretende producir etileno de orixe renovable.

"O etileno utilízase en múltiples cousas: en automoción, en compoñentes médicos, compoñentes de enerxías renovables. O novidoso que ten este proxecto é que é moito máis sostible que as refinerías actuais, calculan que vai producir menos da metade de emisións de CO₂ dunha refinería convencional das que está a traballar agora", engade Pablo Viqueira.

Segundo as previsóns, a mediados de 2026 o complexo petroquímico estará xa preparado para comezar a operar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade