A protección na Ribeira Sacra con vistas á candidatura a Patrimonio Mundial
A protección na Ribeira Sacra con vistas á candidatura a Patrimonio Mundial
A declaración de Ben de Interese Cultural de 2018 xa establece as medidas de protección e conservación
Patrimonio asegura que a maioría de solicitudes de reformas na zona BIC resólvense favorablemente
O expediente da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial xa está en París, onde será avaliado ao longo deste ano polo Comité de Patrimonio Mundial.
As esixencias de protección do patrimonio que require este recoñecemento internacional son, segundo a Xunta, as que xa están vixentes desde que foi declarada Ben de Interese Cultural e que foran acordadas coas entidades locais e os axentes económicos e sociais.
O territorio da Ribeira Sacra, que abrangue 22 concellos das provincias de Lugo e Ourense goza da máxima protección desde que foi declarada Ben de Interese Cultural de Galicia, en 2018, como paso previo a optar a Patrimonio Mundial da Unesco. Naquel momento estableceuse no decreto o réxime de protección e conservación.
"A comunidade local, as empresas e as administracións trasladáronnos cales eran as súas preocupacións porque non querían que a actividade da viticultura, a agricultura e a gandería se vise paralizada ou ralentizada como consecuencia das autorizacións que se precisasen da Dirección Xeral. Aí traballamos conxuntamente e establecemos que o día a día dos empresarios e da poboación non estaría sometida á autorización de Patrimonio senón que eles poderían loxicamente actuar como fan diariamente nos seus terreos. E si estarían afectadas aquelas cuestións que puidesen supoñer unha modificación do territorio e da paisaxe", asegura Carme Martínez Insua, directora xeral de Patrimonio Cultural.
Destas medidas de protección e conservación do expediente da candidatura, as máis restritivas son as que afectan á zona BIC, que vai da bocarribeira ata o caudal.
"Desde a Dirección Xeral recíbense as solicitudes, que poden ser unha modificación dun socalco ou a ampliación dunha adega, ou a modificación dunha edificación existente. Revísanse os proxectos, teñen un informe técnico e emítese unha resolución, e case todas son de autorización", di a directora xeral.
Desde Patrimonio aseguran que se hai construcións ou reformas non acordes aos valores culturais, tratan cos promotores solucións que encaixen coas esixencias do decreto.