Publicador de contidos
Publicador de contidos

Cada vez máis restaurantes adaptan os seus menús ás alerxias e ás intolerancias alimentarias

Cada vez máis restaurantes adaptan os seus menús ás alerxias e ás intolerancias alimentarias

Con opcións sen glute para os celíacos, constátase unha progresiva adaptación do sector

En Galicia hai máis de 3.000 persoas recoñecidas como celíacas

Detalle dunha declaración de alérxenos
Félix Aragunde 01/02/2025 15:30

Dende as opcións tradicionais ata a cociña internacional, cada vez son máis as alternativas que ofrecen os restaurantes para os celíacos. Segundo sinalan os profesionais do sector, trátase de garantir unha experiencia culinaria segura sen renunciar ao sabor.

Armando Méndez, hostaleiro: "Na  nosa carta case todos os arroces poderían comelos. E moitos dos pratos que temos están adaptados para quen non pode comer glute".

En Galicia hai máis de 3.000 persoas recoñecidas como celíacas. Aínda que cada vez son máis os produtos e os menús adaptados, a día de hoxe a cesta da compra segue a ser máis cara para elas.

Dende o colectivo que agrupa os celíacos no ámbito galego, que adoitan celebrar as súas xuntanzas en restaurantes sen glute, estiman que pagan ata 1.400 euros máis cada ano.

Gloria Bernárdez, presidenta da Asociación de Celíacos de Galicia: "É importante ter opcións para saír fóra da casa comer. Somos seres sociais, gústanos gozar comendo coa nosa xente e poder facelo cun menú seguro, sen glute e fóra da casa énos importante". 

Guillermo Cutrín, hostaleiro: "Están encantados. Lembro unha cativa con celiaquía que chegou aquí e que lle dixo a súa nai que aquí se sentía como unha persoa normal, por ter o menú completo para poder elixir. Hai exemplos todos os días".

Ademais da celiaquía, existen outras doenzas que condicionan o benestar dos comensais, como é o caso das intolerancias alimentarias. Non provocan a reacción do sistema inmunolóxico, como ocorre coas alerxias, pero si a do sistema dixestivo, coas conseguintes molestias.

Fernando Aceiro, médico experto en nutrición: "Noutras enfermidades, o paciente ten molestias que non causan ningún proceso importante. Sen a enzima que dixire a lactosa, vai haber unha intolerancia, pero a celiaquía é un proceso inmunolóxico crónico".

No tocante ás alerxias, unha das principais preocupacións dos restaurantes é evitar as trazas de alérxenos nos pratos que preparan. De feito, a presenza de catorce delas son actualmente de declaración obrigada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade