Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha parella galega revalida o título de campioa do mundo de bachata

Unha parella galega revalida o título de campioa do mundo de bachata

Noelia Rodríguez e Pedro Gestido participaron na República Dominicana no certame mundial deste baile

G24.gal 01/02/2025 15:11 Última actualización 01/02/2025 16:32

A parella galega formada por Noelia Rodríguez e Pedro Gestido acaban de revalidar o título de campións do mundo de bachata. Estes dous bailaríns, que acaban de regresar da República Dominicana, teñen unha academia de danza en Vigo que é todo un éxito.

Pedro, de Gondomar, e Noe, que naceu en Suíza pero é ourensá, acaban de volver do ADN Bachata World Festival na República Dominicana, o berce da bachata. É a segunda edición que gañan, tanto na modalidade tradicional, a dominicana, como na moderna ou europea, tamén chamada sensual. 

"Non sei que pasa dentro de nós que nos fai expresar cousas que normalmente non nos fan expresar outro tipo de músicas. Cando a bailamos sentímonos como se foramos de alí, da República Dominicana, á vista está", conta a TVG Noelia Rodríguez, campioa do mundo de bachata.

"Son moitas horas. Nós vimos para aquí, para a academia onde impartimos clases. Ás veces vimos dúas horas antes das clases á mañá a adestrarnos, ás veces despois das clases quedamos tamén de novo, e tamén traballamos a fin de semana viaxando por países do mundo", engade Pedro Gestido, campión do mundo de bachata. 

Son parella dentro e fóra da pista de baile desde 2016. Rexentan a academia VDS, en Vigo, que ten hoxe 400 alumnos e alumnas.

"Moita xente non nos coñece. Entón cando veñen á academia e descobren que fostes campións mundiais din: eu quero ir aí. Ao final si que atrae un pouquiño de xente", explica Pedro.

"A danza en anos anteriores non estaba valorada como para poder vivir dela, e hoxe en día poderte dedicar ao 100 % ao que che gusta e encima poderte gañar a vida con iso é o máis grande que nos puido pasar", asegura Noelia.

Presentáronse ao certame non polos cartos senón polo prestixio, un prestixio que é reclamo de cara ao éxito da academia. Técnica, esforzo e preparación física para practicar un deporte de elite, non só un baile.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar