A Coruña acolle o Campionato Mundial de Dardos, coa participación de 28 países
A Coruña acolle o Campionato Mundial de Dardos, coa participación de 28 países
É a primeira vez que o campionato se celebra en Europa
Hai 2.500 competidores e 28 países na proba
O evento seguirá ata mañá coa celebración do Campionato de España por equipos
Son os mellores do mundo ou intentan selo. Son os 2500 competidores que están a participar no Campionato do Mundo de Dardos, na modalidade electrónica, que se celebra esta fin de semana no recinto feiral da Coruña. "Levamos dous días, dende xoves a tope. Varias competicións: de equipos, por parellas, individuais. De momento, pasando ben e coñecendo xente", comenta algún dos participantes.
Os competidores proceden de vinte e oito países de todo o mundo, con especial relevancia de Portugal, Xapón, Corea do Sur ou Estados Unidos, e por suposto do territorio nacional, polo que a puntería é máis necesaria que nunca. "Moito nivel, cada ano máis. Iso xa se vai vendo dende hai uns anos que isto vai a máis", asegura outro dos participantes.
Esta mañá comezou a competición mundial por equipos. Un evento que chega co marca de ser a primeira vez que pisa terras europeas.
"Ata o momento isto só se estaba a facer nas Vegas, Seúl ou Hong-Kong. É a primeira vez que conseguimos traer este campionato para Europa e esperemos que non sexa a última", vaticina Ángel Cabana, organizador do evento.
Conseguir un pleno no centro da diana, que mide menos que unha moeda dun céntimo, só está o alcance de moi poucos. A clave do éxito resúmese en catro pasos, segundo un dos competidores: practicar, practicar, practicar e practicar.
A competición, que conta co patrocinio da Xunta, rematará mañá co campionato de España por equipos.