Publicador de contidos
Publicador de contidos

Mata a coiteladas un home en Redondela e fere de gravidade unha muller

Mata a coiteladas un home en Redondela e fere de gravidade unha muller

O sospeitoso do crime foi detido no seu domicilio unha hora despois do suceso

Segundo informa a Subdelegación do Goberno, o detido e as vítimas tiveran previamente unha discusión nun local de ocio nocturno

O falecido sufriu feridas por arma branca no peito e no pescozo, e a súa parella foi operada de urxencia e non se teme pola súa vida

(cedida)
G24.gal 31/01/2025 10:19 Última actualización 31/01/2025 14:21

A Policía Local detivo un home esta noite en Redondela logo de supostamente matar de varias coiteladas outro home e ferir a parella deste.

O suceso produciuse contra as dúas da madrugada na Avenida Xeneral Rubín. O falecido é un home de 43 anos, que presentaba feridas por arma branca no peito, á altura do corazón, e no pescozo.

Tamén quedou ferida grave a súa parella, de 42 anos. Foi operada de urxencia e as primeiras informacións indican que non se teme pola súa vida.

Unha hora despois do suceso, axentes da Policía Local detiñan o sospeitoso no seu domicilio. É un home de 48 anos, que segundo explicou o subdelegado en Pontevedra Abel Losada tivera discusión nun local de ocio nocturno coas vítimas, coas que tamén tivera desavinzas previas.

Tanto o agresor como as vítimas eran de nacionalidade española, e ao parecer os dous homes eran mariñeiros. Segundo confirmou o xefe da Policía Local de Redondela, os dous contaban con antecedentes penais e os seus problemas poderían vir precisamente pola súa actividade no mar.

A xuíza do Xulgado de Instrución número 1 de Redondela, en funcións de garda, dirixe a investigación sobre os feitos. Non está previsto que o detido pase á disposición xudicial ata mañá ou o domingo. Nestes momentos permanece nos calabozos das dependencias policiais da Comisaría de Vigo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade