Publicador de contidos
Publicador de contidos

Xinzo de Limia organiza un torneo de futbolín para recuperar a afección por este xogo

Xinzo de Limia organiza un torneo de futbolín para recuperar a afección por este xogo

250 parellas de varios puntos de España inscribíronse nesta primeira edición do campionato

Ademais das clásicas modalidades de movemento e parada, houbo competición nunha variante coñecida como "tanteo", que só se practica en Ourense

G24.gal 18/01/2025 21:18

250 parellas sobre todo de Galicia, pero tamén doutras partes de España, como Asturias, Palencia, Castelló ou Cataluña, danse cita esta fin de semana en Xinzo de Limia no primeiro torneo de futbolín que se organiza na provincia de Ourense. Está promovido pola Asociación de Futbolín A Lagoa, cuxos membros queren recuperar a afección por este xogo tradicional, inventado por Alexandre de Fisterra no ano 1937.

"Eu teño 35 anos e a xente da miña xeración xa case non xoga nada, e a rapazada tampouco. Así que con este evento queremos que volva a afección ao pobo", confesa Jesús Gómez, presidente da Asociación de Futbolín A Lagoa (AFAL). 

Outro obxectivo colateral é animar a hostalería e a economía da vila.

"De feito Xinzo está cheo e moitos participantes tiveron que ir durmir a vinte ou trinta quilómetros", sinala Jesús.

Como acontece noutros torneos semellantes, neste de Xinzo entran en competición tres modalidades. A clásica de movemento, que a bóla non pode parar na barra dianteira e hai que golpear ao primeiro toque; parada, en que vale todo e a bola pode parase na barra dianteira e intercambiar de xogador; e por último, a variante local, coñecida como tanteo, "que só se xoga en Ourense na que, coa barra dianteira, pódese facer todo o que se queira coa bola cun boneco, pero non se pode cambiar de xogador", apunta Diego Losada, membro da directiva de AFAL.

Para ser un campión, hai que adestrar moitas horas e, máis que a forza no golpeo, cómpre ter moi boa técnica no pulso.

"É máis manexo do pulso que doutra cousa. Hai moita xente que empeza, pasoume a min tamén, que tende a meter o brazo para facer as xogadas e así podes ver o que quere facer. O mellor é traballar todo co pulso", asegura Sergio Domínguez, xogador vigués que leva gañados algúns dos prinicpais másters que se celebran en Galicia e noutros puntos de España.

Son aínda maioría os homes, pero cada vez vense máis mulleres nos campionatos de futbolín.

"Cada vez somos máis, e moitas comezamos seguindo as nosas parellas, pero logo fomos mellorando e xa competimos soas", comenta Noelia, de Valladolid, quen coa súa amiga Anastasia, que vén de Xixón, participan neste campionato.

Zaragoza acollerá este ano o campionato do mundo. Alí estará seguro algún dos que esta fin de semana tocan bola no torneo de Xinzo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade