Sae de prisión un agresor sexual de Lugo tras aplicárenlle a lei do só si é si
Sae de prisión un agresor sexual de Lugo tras aplicárenlle a lei do só si é si
O home fora condenado en 2018 por unha violación, unha tentativa e tres agresións sexuais
Os informes elaborados polos psiquiatras e forenses que o trataron estimaron que sufría un "rendemento intelectual deficitario"
Pablo G. A., un agresor sexual que atemorizou mulleres luguesas dende xaneiro de 2013 ata a súa detención en 2015, saíu de prisión en liberdade vixilada. Sae do cárcere despois de rebaixárenlle a pena 3 anos ao lle aplicaren a lei do só si é si.
O home fora condenado en xullo de 2018 por unha violación, unha tentativa e tres agresións sexuais. No xuízo recoñeceu os feitos e saíu da sede xudicial cunha condena de 12 anos de prisión.
A revisión implica que a condena por un deito de violación penado con seis anos de cárcere se reduce a catro e o de violación en grao de tentativa rebáixase de tres a dous anos de prisión, mentres os das tres agresións penados cun ano cada un mantivéronse igual.
Entre as condicións que deberá cumprir figura a imposición de non achegarse a Lugo durante dez anos. Terá que estar sempre localizado a través dunha pulseira electrónica e impídeselle expresamente aproximarse a menos de 500 metros do domicilio, centro de traballo ou lugares que frecuenten as súas vítimas.
Déficit intelectual
Obtivo unha redución da condena de 20 anos debido a que recoñeceu os feitos ante o tribunal e os informes elaborados polos psiquiatras e forenses que o trataron, que estimaron que sufría un "rendemento intelectual deficitario, que reduce levemente a súa capacidade intelectual e o seu control de impulsos". Aínda que se considerou que sabía o que facía e, por tanto, era imputable, tamén se tivo en conta que tiña "unha intelixencia límite" que afectaba á súa impulsividade.