Liberdade para o profesor de música detido no Valadouro por presuntas agresións sexuais a dúas alumnas
Liberdade para o profesor de música detido no Valadouro por presuntas agresións sexuais a dúas alumnas
Liberdade para o profesor de música detido no Valadouro por presuntas agresións sexuais a dúas alumnas
Unha das denuncias e por parte dunha menor de dezaseis anos
A maxistrada impúxolle a prohibición de aproximarse e de comunicarse coa vítima (na actualidade maior de idade) que declarou hoxe en sede xudicial
Un profesor de música foi detido nas últimas horas no municipio lucense do Valadouro como investigado por supostas agresións sexuais a alumnas.
Segundo a información facilitada a EFE por fontes próximas á investigación, de momento hai dúas denuncias presentadas contra o detido por esas supostas agresións sexuais, unha delas por parte dunha menor de dezaseis anos. As mesmas fontes aclararon que os responsables das pescudas non descartan a existencia doutras posibles vítimas.
O profesor investigado levaba uns meses vivindo no Valadouro. Alí trasladouse desde outro concello da Mariña. Exerceu como mestre de música en varias escolas municipais da zona. E ao parecer tamén imparte clases individuais. Foi unha desas alumnas particulares unha das que o denunciou por supostamente agredila sexualmente. Ao parecer aproveitaba que estaban sós para cometer os abusos.
De feito a investigación permanece aberta e a Policía Xudicial continúa coas dilixencias para esclarecer os feitos. Tamén indicaron que a detención do sospeitoso produciuse este martes e que se trata dun home duns 35 anos de idade que podería pasar este xoves mesmo á disposición da xustiza.
O alcalde da localidade, José Manuel Lamela, confirmou que o sospeitoso daba clase de música a unha trintena de alumnos e dixo que os veciños están “sorprendidos” pola noticia e que “se todo o que conta hoxe a prensa é verdade, se é verdade, isto é moi grave”.
Posta en liberdade
A maxistrada do Xulgado de Instrución nº1 de Mondoñedo acordou a posta en liberdade do detido (nin a Fiscalía nin a acusación particular solicitaron o ingreso en prisión, polo que a xuíza nunca podería acordar esta medida).
Está investigado por un delito contra a liberdade sexual. Como medida, a maxistrada impúxolle a prohibición de aproximarse e de comunicarse coa vítima (na actualidade maior de idade) que declarou hoxe en sede xudicial.
A xuíza tomará declaración nos próximos días á outra denunciante que tamén é menor de idade.