Publicador de contidos
Publicador de contidos

Varias mulleres acusan o escritor británico Neil Gaiman de agresión sexual

Varias mulleres acusan o escritor británico Neil Gaiman de agresión sexual

Oito mulleres contan o seu caso á revista New York Magazine, pero en total son doce as que acusaron o autor de The Sandman, e todas coinciden en describir prácticas de sexo duro e sadomasoquistas sen consentimento

Representantes do escritor defenderon que todos os encontros foron acordados 

Penguin Penguin
G24.gal 14/01/2025 12:30

Varias mulleres acusan o escritor e guionista Neil Gaiman, autor do cómic The Sandman, de agresión sexual nun artigo publicado pola revista New York Magazine, testemuños que se suman ás acusacións vertidas na súa contra no mesmo sentido en 2024.

Gaiman é un dos autores de ficción máis recoñecidos da súa xeración con obras como Good Omens ou American Gods, que foron levadas á televisión. O ano pasado foi sinalado por varias mulleres no podcast The Tortoise, segundo sinala a revista Varietty.

O artigo publicado agora inclúe o testemuño dalgunhas destas mulleres e engade novas vítimas. Oito mulleres contan o seu caso á revista New York Magazine, pero en total son doce as que acusaron o escritor.

Os relatos das mulleres coinciden en describir prácticas de sexo duro e sadomasoquistas sen consentimento. A vítima máis nova tiña 18 anos cando ocorreu a suposta agresión e o resto, entre 20 e 30 anos.

Polo menos dúas delas aseguran que as agresións tiveron lugar cando o fillo de Gaiman, entón menor, estaba presente.

Tras as acusacións en The Tortoise, representantes do escritor defenderon que todos os encontros foron acordados e que “a degradación sexual, a escravitude, a dominación, o sadismo e o masoquismo poden non ser do gusto de todos, pero entre adultos que consenten, o BDSM é legal”.

Polo menos dúas das vítimas denunciaron as agresións á policía, segundo puido comprobar New York Magazine coas autoridades. Varias das vítimas recoñeceron recibir compensacións económicas e asinar acordos de confidencialidade.

Desde que varias mulleres acusasen o escritor en 2024 de agresión, case todos os seus proxectos audiovisuais foron cancelados, entre eles a terceira tempada de Good Omens en Amazon Prime, que terminará cun capítulo de 90 minutos.

Disney detivo a produción da súa adaptación cinematográfica de The Graveyard Book e Netflix cancelou Dead Boy Detectives, aínda que non está claro se estivo relacionado coas acusacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade