Publicador de contidos

Publicador de contidos

Faise un ano e un día sen Andrea Yturri, a moza de Palmeira asasinada pola exparella

Faise un ano e un día sen Andrea Yturri, a moza de Palmeira asasinada pola exparella

O agresor está en prisión provisional, á espera do xuízo para o que aínda non hai data

Unha placa na praza do concello lembra a Andrea, a primeira muller asasinada por violencia machista en Ribeira

G24.gal 20/03/2025 14:30

Andrea Yturri non é unha morta. É unha asasinada pola violencia machista, a primeira no concello de Ribeira e a primeira, pero non a única, do ano pasado en Galicia. Outra vida fendida.

"Ao ser o primeiro crime machista no concello foi unha conmoción. Entón, o 25 de novembro puxemos unha placa na columna das vidas fendidas que hai en Ribeira en homenaxe a Andrea e a todas as vítimas. Vai por todas as vítimas, polas que xa non teñen voz, polas que sofren todos os días, polas que sofren todos os días agresións", lamenta Celia García, da asociación Mulleres en Acción do Barbanza.

Pasou un ano e un día, con todas as súas noites, e o crime de Andrea segue sen data de xuízo, unha agonía a maiores para a familia. 

 

"É engadir dor á dor. Penso na nai de Andrea, sobre todo, que é quen máis o está sufrindo, porque o fillo era moi pequeniño e afortunadamente non se enterou demasiado das cousas", explica Nela Abella, da mesma asociación que está axudando a familia.

Cada crime machista é un novo golpe, pero no de Andrea doe especialmente que tanto ela coma o seu agresor, exparella e pai do seu fillo, eran moi novos. 24 anos. A lacra que non cesa.
 

"Cada vez hai máis xente nova, varóns novos que militan no machismo. Non é que sexan machistas porque os educaron así, senón que militan no machismo, e esa militancia no machismo é o xerme dos asasinatos", advirte Abella.

De feito, o asasinato de Andrea serviu alomenos para que outras mulleres, outras mozas novas coma ela, veciñas, sentiran a ameaza do machismo, iso que mata.

"Para min foi un antes e un despois, darme forza nunha loita. Ás veces pensamos que non é para tanto, que esas cousas as di porque se lle vai a boca, que non será capaz de chegar tan lonxe, e esta foi unha realidade de dicir: pois si! Cando toca tan preto, dis: Meu Deus! É que está aí", confesa Andrea Fontaíña, que se uniu a Mulleres en Acción do Barbanza a raíz deste crime.

O 19 de marzo de 2024 quedará para sempre gravado na memoria de Palmeira e de Ribeira, que espera que se faga xustiza por Andrea, pero tamén pola súa nai e o seu meniño de dous anos, o primeiro orfo por violencia machista do concello.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade