Prisión permanente revisable por asasinar a súa filla e a súa parella en Cantabria
A xuíza imponlle outro ano de prisión por quebrantar a orde de afastamento da súa parella
Ademais deberá indemnizar os familiares das falecidas con 245.000 euros

A presidenta do tribunal do xurado da Audiencia de Cantabria que declarou culpable por unanimidade o home acusado de asasinar a súa filla e a súa parella en Liaño condenouno a prisión permanente revisable pola morte da meniña, de once meses, e a 25 anos de cárcere pola da muller.
A maxistrada considera a José Reñones autor de dous delitos de asasinato coa concorrencia da circunstancia agravante de parentesco e, no caso da morte da súa parella, da agravante de discriminación por razón de xénero, segundo a sentenza difundida este luns polo Tribunal Superior de Xustiza de Cantabria, e contra a que cabe recurso ante a Sala do Civil e Penal.
Imponlle, ademais, outro ano de prisión por quebrantar a orde de afastamento da súa parella, Eva Jaular, á que asasinou, xunto á súa filla, o mesmo día en que a Garda Civil lle pediu que abandonase a casa onde vivían.
Tamén lle impón dúas medidas de liberdade vixiada de dez anos cada unha, prívao da patria potestade durante o tempo da condena respecto das fillas que ten con outra parella e deberá indemnizar os familiares das falecidas con 245.000 euros.
Segundo os feitos que o xurado considerou probados e que se recollen na sentenza, o condenado regresou á vivenda familiar poucos días despois de coñecer a prohibición de achegarse á súa filla e á súa parella, e fíxoo co consentimento da muller.
Alí permaneceu varias semanas pero, ao persistir "o comportamento autoritario e desprezativo del cara a ela e a súa filla", a muller chamou a Garda Civil, que foi á casa e pediulle que se fose, algo que fixo, aínda que despois volveu.
O acusado, "persoa corpulenta e de grande envergadura, que non aceptaba a decisión da muller de poñer fin á convivencia, atacouna por sorpresa" e golpeouna tanto a ela como á súa filla "de forma brutal, reiterada e violenta".
Ademais, no caso da muller, cravoulle "de forma indiscriminada unha arma branca por seis ocasións", e unha das puñaladas produciu o seu falecemento. Igualmente, ocasionou a morte da nena, á que asfixiou por estrangulación. Despois de morta, cravoulle a arma branca. O xurado considerou no seu veredicto que o home "as matou nun acto de dominación machista".
A sentenza recolle que foron relevantes para o xurado os audios reproducidos no xuízo, dos que "se infire o carácter agresivo e violento do acusado, o seu desprezo cara á súa filla e o desexo de que desapareza".
Esta condena, que non é firme, é a primeira de prisión permanente revisable que se impón en Cantabria.