Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rebaixan a petición de cadea para o home que incendiou a casa co fillo dentro en Paderne

Rebaixan a petición de cadea para o home que incendiou a casa co fillo dentro en Paderne

O acusado admitiu no xuízo que prendeu lume á vivenda despois de discutir co fillo

A fiscalía rebaixou a petición de cadea de 13 a 2 anos por entender que o lume foi de entidade menor

Observa dúas atenuantes: a dilación do xuízo e que o acusado pagou os danos

G24.gal 24/03/2025 14:44

Sete anos despois dos feitos, o acusado admitiu ante o xuíz que lle prendeu lume á casa que estaba reformando en Paderne co seu fillo no interior. Ambos mantiveran unha discusión previa e o procesado acabou prendendo lume cun chisqueiro o disolvente que, segundo confesou, botara con anterioridade polo chan. 

"Despois de negalo durante anos, e mesmo acusando ao fillo, o acusado admitiu hoxe os feitos porque non lle quedaba outra, había probas de cargo suficientes contra el", explica Carlos Martínez Romasanta, o letrado da acusación particular.

Escoitadas as partes, as testemuñas e os peritos, a fiscalía decidiu rebaixar considerablemente a petición de cadea, de 13 a 2 anos. Considera probado que o lume foi de entidade menor e observa dous atenuantes: a dilación do xuízo e que o acusado pagou os danos. Así e todo, a acusación particular segue pedindo 20 anos de prisión.

"De maneira sorprendente o fiscal baixou a pena solicitada a só dous anos, considerando que queimar unha vivenda cun fillo dentro é un feito de pouca entidade. Aplica o artigo 351 en grao inferior, cando para nós son feitos moi graves, por iso pedimos a pena máxima", engade o letrado Romasanta.

O procesado nunca foi detido por estes feitos e, polo momento, segue en liberdade. O caso quedou visto para sentenza despois de hora e media de xuízo na Audiencia Provincial da Coruña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade