O fiscal ve móbil económico no crime de Leticia Sanabria e pide ata 12 anos de cárcere
A acusada debíalle diñeiro á vítima e os cartos nunca apareceron

O Ministerio Público e a acusación particular ratificaron este luns a súa solicitude de penas de doce e vinte anos de prisión, respectivamente, contra a única acusada de matar a Leticia Sanabria na localidade ourensá do Barco en 2021. A acusada, supostamente, debíalle diñeiro á vítima.
"Leticia tiña diñeiro e isto xerou envexas e problemas nun mundo onde se move moito diñeiro", apostilou o fiscal no primeiro día de xuízo.
A acusación particular solicita para a acusada penas de ata vinte anos de cárcere, ao entender que existe a agravante de aleivosía e propón que, no caso de que o xurado a considere culpable de homicidio, sexa condenada a catorce anos.
A defensa, en cambio, solicitou a súa libre absolución ao entender que "non hai nin unha soa proba que incrimine a Fátima".
Un xurado popular conformado por sete mulleres e dous homes será o encargado de determinar a inocencia ou culpabilidade da acusada e, en caso de condena, a gravidade do ocorrido: homicidio ou asasinato unha vez que lle entreguen o obxecto de veredicto.
Os feitos remóntanse ao 10 de setembro de 2021. Ese día, as dúas mulleres volveron á vivenda que compartían sobre as 3:20 horas provenientes do bar Osiris, onde traballaban. Pouco despois, entre as 4:20 e as 6:00 horas, cando se atopaban no cuarto de Leticia, comezaron un enfrontamento e Fátima agrediu á súa compañeira de piso e asfixiouna.
Durante o xuízo, o fiscal apuntou a un móbil económico, xa que a vítima gañaba máis diñeiro que a súa compañeira de traballo. "Os problemas empezaron cando lle prestou diñeiro. No xuízo imos falar da prostitución, da gran cantidade de diñeiro que move. Patricia tiña moita envexa de Leticia", sostivo o fiscal.
No xuízo declararán numerosas testemuñas que falarán do carácter da acusada, que as acusacións describen como unha persoa "dominante", "envexosa" da vítima e que quixo apoderarse do seu diñeiro.
A letrada da acusación particular, que representa a irmá da vítima, Sonia Jiménez, considerou que o crime se produciu "de forma premeditada, a traizón e sen que Leticia se puidese defender en ningún momento" e aludiu no xuízo ao carácter violento da acusada, unha persoa "con antecedentes por agresión".
"Leticia tiña bastante diñeiro e ese diñeiro non apareceu", explicou a avogada.
"Fátima soportaba moitos gastos, tiña un piso en Madrid, consumía drogas e xogaba aos comecartos", explicou.
A defensa esgrimiu que "non" hai "nin unha soa proba directa que incrimine a Fátima", apuntando á posibilidade dun roubo cometido por terceiros e subliñou que "o único delito que cometeu é estar no mesmo domicilio".
Por este motivo, pediu ao xurado abrir "un folio en branco" e que "sexa rigoroso" á hora de determinar a responsabilidade da acusada, unha vez que conclúa o xuízo.
A irmá da vítima, que foi a única que declarou este luns, asegurou que a acusada "dominaba" á súa irmá ata o punto que cando se decatou de que morrera a súa irmá sospeitou dela.
Este martes está previsto que declaren numerosas testemuñas da contorna da vítima, entre elas, unha muller que inicialmente estivo imputada na causa polo crime.
O xuízo continuará o mércores coa declaración de investigadores do caso, o xoves será a quenda para as periciais e o venres está prevista a lectura das conclusións e posterior entrega do veredicto.