Publicador de contidos

Publicador de contidos

Centos de palestinos participan nas protestas no norte de Gaza contra Hamas

Centos de palestinos participan nas protestas no norte de Gaza contra Hamas

Os palestinos exixen ao grupo islamista que abandone o poder no enclave palestino e poña fin á guerra

Instálanse tendas de campaña de palestinos desprazados do norte de Gaza/Omar Ashtawy/Europa Press Instálanse tendas de campaña de palestinos desprazados do norte de Gaza/Omar Ashtawy/Europa Press
G24.gal 25/03/2025 21:37

Centos de palestinos manifestáronse no norte da Franxa de Gaza contra o grupo islamita Hamas para pedir que abandone o poder no enclave palestino e a fin da guerra.

"O pobo quere que Hamas marche" e "pare a guerra" foron algunhas das consignas que berraban os manifestantes que marcharon polas rúas de Beit Lahia entre edificios danados, segundo vídeos da protesta nas redes sociais.

Mohammed, un residente na cidade que participou na protesta, indicou que a inusual marcha foi espontánea e que os participantes expresaron a súa frustración pola guerra con Israel.

"Os manifestantes esixiron o fin do goberno de Hamas e expresaron que queren vivir en paz", dixo o palestino.

Mohammed indicou que moitos residentes temen as represalias de Hamas, pero saíron á rúa de todos os xeitos ante o cansazo polo conflito, e que non houbo detencións por parte da organización islámica, que goberna en Gaza.

"Os manifestantes non queren o goberno actual, queren vivir con seguridade e protección", explicou o gazatí.

A protesta prodúcese unha semana despois da ruptura do cesamento do fogo en vigor desde o 19 de xaneiro por parte do Exército israelí, que renovou os bombardeos e as incursións militares en Gaza cun saldo de case 800 mortos.

A Oficina de Nacións Unidas para a Coordinación de Asuntos Humanitarios (OCHA) sinalou que máis de 120.000 palestinos foron desprazados debido aos bombardeos israelís desde o reinicio da guerra e que hai ordenes de evacuación de polo menos 100.000 persoas máis no norte do enclave.

En Israel, centos de manifestantes tamén saíron ás rúas desde a semana pasada para protestar contra o Goberno de Benjamin Netanyahu pola crise política no país e para esixir máis compromiso para a liberación dos reféns que seguen en mans de Hamas.

O grupo islámico matou a unhas 1.200 persoas e secuestrou a outras 250 no ataque a Israel o 7 de outubro de 2023, ao que o Exército israelí respondeu cunha guerra por terra, mar e aire que provocou máis de 50.000 mortos, a maioría mulleres e nenos, máis do dobre de feridos e devastado o enclave.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade