Publicador de contidos

Publicador de contidos

Hamas confirma a morte dun líder do seu brazo político nun ataque israelí en Gaza

Hamas confirma a morte dun líder do seu brazo político nun ataque israelí en Gaza

O exército hebreo di que pretende  acabar coas milicias palestinas na franxa, ás que acusa de non querer liberar os reféns

Fontes médicas do enclave denuncian que os bombardeos están a cobrar a vida de civís, sobre todo de mulleres, menores e anciáns

Lugar do bombardeo israelí en Jan Yunis. REUTERS/Hatem Khaled Lugar do bombardeo israelí en Jan Yunis. REUTERS/Hatem Khaled
G24.gal 23/03/2025 08:09 Última actualización 23/03/2025 10:01

A organización islamita Hamas confirmou nun comunicado a morte do dirixente Salah al Bardaweel, membro da dirección política do grupo, nun ataque israelí contra a súa tenda de campaña na zona humanitaria de Mawasi, no sur da Franxa de Gaza.

"Quen ascendeu ao ceo como mártir, nunha traizoeira operación de asasinato sionista, mentres realizaba a oración da noite do vixésimo terceiro día do bendito mes de Ramadán, na súa tenda de campaña na zona da al-Mawasi ao oeste de Jan Yunis, xunto á súa virtuosa esposa", recolle o texto do grupo palestino.

Horas antes, a prensa israelí informara da morte deste líder nun ataque xudeu xunto á súa dona, sen dar máis detalles.

Desde que Netanyahu retomou os bombardeos en Gaza, morreron varios altos cargos de Hamas, segundo o exército hebreo. Entre eles, Essam al Dalis, xefe do executivo gazatí; Mahmud Abu Watfa, "ministro" de Asuntos Interiores; Bahjat Abu Sultan, xefe da policía interior do grupo; e Ahmed al Hatta, "ministro" de Xustiza.

Hamas confirmou as mortes dos catro, pero referiuse a Abu Watfa e a Al Hatta como "viceministros", non como ministros.

Pola súa banda, a Xihad Islámica Palestina, que tamén participou nos ataques do 7 de outubro contra Israel, que desataron a guerra, confirmou o martes pasado a morte do portavoz do seu brazo armado, Abu Hamza, nun ataque contra a súa casa familiar.

Israel argumenta que os seus ataques buscan acabar coas milicias palestinas en Gaza, ás que acusa de non querer liberar os reféns.

Fontes médicas do enclave denuncian que estes bombardeos están a cobrar a vida de civís, sobre todo de mulleres, menores e anciáns. Polo menos 200 nenos e nenas morreron desde que Israel rompeu o alto o fogo o martes 18 de xaneiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade