Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rusia pon como condición para a tregua no mar Negro o levantamento das sancións agrícolas

Rusia pon como condición para a tregua no mar Negro o levantamento das sancións agrícolas

Entre elas figura a reconexión ao SWIFT do banco agrícola ruso, o levantamento de sancións aos repostos e maquinaria agrícola e o desbloqueo a barcos mercantes que transportan alimentos e fertilizantes rusos

G24.gal 25/03/2025 18:58

 Rusia pon como condición para o cesamento das accións militases no mar Negro o levantamento das sancións occidentais impostas ao sector agrícola, informou o Kremlin nun comunicado.

Entre elas figura a reconexión ao SWIFT do banco agrícola ruso, Rosseljozbank, e doutras entidades financeiras similares; o levantamento de sancións ás subministracións de repostos e equipamento para a maquinaria agrícola e o desbloqueo do servizo portuario a barcos mercantes que participan na exportación de alimentos e fertilizantes rusos.

Ademais, a nota oficial destaca a necesidade de levantar as restricións ás operacións financeiras vinculadas ao comercio, ás compañías que producen e comercializan alimentos e fertilizantes, e tamén ás aseguradoras que operen nese sector.

O Kremlin subliña que unha vez se cumpran esas condicións entrará en vigor o acordo para garantir a navegación no mar Negro selado hai unha semana durante a conversa telefónica entre os presidentes ruso, Vladímir Putin, e estadounidense, Donald Trump.

Ademais, Moscova tamén se compromete a renunciar ao uso da forza e previr o tránsito de buques mercantes con fins militares, condición esta última que esixe medidas de inspección deses barcos.

Rusia lembra que eses compromisos supoñen a continuación da aplicación da Iniciativa do mar Negro, que estivo en vigor entre xuño de 2022 e xullo de 2023, e que Moscova abandonou ao impedirse o seu acceso aos mercados agrícolas mundiais.

Pola súa banda, precisa a nota, os Estados Unidos comprometéronse a garantir o retorno das exportacións rusas de alimentos e fertilizantes ao mercado mundial, a redución dos seguros para o transporte marítimo, así como a ampliación do acceso aos portos e aos sistemas de pago internacionais.

Segundo o xefe do fondo soberano ruso e participante nas negociacións cos Estados Unidos, Kiril Dmítriev, a continuación da iniciativa sobre o mar Negro permitiría fornecer de cereal máis de 100 millóns de persoas en todo o mundo.

Moscova e Washington tamén acordaron traballar nas medidas para implementar os acordos alcanzados entre Putin e Trump sobre a prohibición dos ataques contra a infraestrutura enerxética rusa e ucraína durante 30 días, retroactivamente a partir do 18 de marzo.

Este último punto permite a súa prolongación e tamén a retirada dunha das partes en caso de incumprimento dun dos dous bandos en conflito.

Rusia acusa a Ucraína de incumprir o acordo, aínda que, en realidade, Putin declarou unilateralmente unha tregua enerxética, que o presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, só se comprometeu a estudar.

A nota tamén destaca que Rusia e os Estados Unidos saúdan a mediación de terceiros países encamiñadas ao cumprimentos dos acordos enerxéticos e marítimos.

"Rusia e EUA continuarán traballando para lograr unha paz sólida e duradeira", conclúe.

O ministro de Exteriores ruso, Serguéi Lavrov, esixiu a Kíiv garantías para un cesamento das hostilidades no mar Negro.

"A nosa postura é simple: non podemos fiarnos da palabra desa persoa", dixo, en alusión ao presidente ucraíno, Volodímir Zelenski.

Lavrov subliñou que Rusia necesita "garantías claras" e que, á vista dos precedentes, "estas só poden ser resultado dunha orde de Washington a Zelenski e ao seu equipo para que o fagan desa forma e non doutra".

"Paréceme que os nosos socios estadounidenses captaron o noso sinal", engadiu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade