Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os Estados Unidos informan a Ucraína do contido das conversas con Rusia

Os Estados Unidos informan a Ucraína do contido das conversas con Rusia

As delegacións de Washington e Kíiv conclúen a súa segunda reunión en Arabia Saudita

O Kremlin manterá en segredo os detalles das negociacións cos EUA en Riad

Imaxe de arquivo da primeira reunión en Riad o 11 de marzo entre delegacións dos EUA e de Ucraína (Reuters) Imaxe de arquivo da primeira reunión en Riad o 11 de marzo entre delegacións dos EUA e de Ucraína (Reuters)
G24.gal 25/03/2025 11:21

Representantes dos Gobernos dos Estados Unidos e de Ucraína terminaron este martes a súa segunda reunión en Riad, segundo declarou unha fonte do equipo negociador de Kíiv á televisión pública ucraína.

A reunión tivo lugar despois de que a delegación estadounidense negociase este luns durante doce horas con emisarios do Kremlin as condicións dun posible cesamento do fogo que permita avanzar cara a un final negociado da guerra.

Segundo explicou o luns o asesor da oficina presidencial ucraína Serguí Leshchenko, a reunión deste martes debía servir para que a parte ucraína fose informada do acordado previamente por EUA cos rusos.

Leshchenko afirmou que nas negociacións trátase sobre a posibilidade de declarar unha tregua nos bombardeos ao sistema enerxético e nos ataques no mar Negro.

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, declarou este luns que nas reunións de Riad está a falarse, entre outras cousas, tamén da repartición de territorios entre ambos os países e de “liñas de demarcación”. 

Moscova non fará públicos detalles da negociación

O Kremlin, pola súa parte, asegurou este martes que manterá en segredo os detalles das negociacións cos EUA celebradas o luns en Riad, capital saudita.

"Durante estas negociacións mergullámonos nos detalles, por iso, por suposto, o seu contido non se fará público", dixo Dmitri Peskov, portavoz presidencial.

Peskov engadiu: "O resultado das longas negociacións ruso-estadounidenses foi remitido ás capitais. Agora estase analizando".

"Agora nas capitais están a estudarse os informes. Xa despois poderemos falar dalgún tipo de entendemento", explicou.

As axencias rusas informaron previamente sobre a pronta publicación dun comunicado conxunto e o Ministerio de Exteriores adiantou que o titular da carteira, Serguéi Lavrov, informaría sobre os resultados das negociacións durante unha entrevista na televisión.

Ademais, Peskov destacou que ambas as partes acordaron proseguir os contactos, aínda que precisou que non hai data concreta da próxima rolda de consultas.

En canto a un posible encontro entre as delegacións de ambos os bandos en conflito, asegurou que se tema non se chegou a expor en Riad.

O xefe da delegación rusa, Grigori Karasin, asegurou esta mañá que as consultas cos EUA non foron doadas, aínda que si útiles.

Karasin recoñeceu que non puido poñerse de acordo en todo, pero celebrou o feito de que as conversas con estadounidenses se produciron, e resaltou que os contactos continuarán tamén coa participación doutros actores internacionais.

Peskov precisou onte á noite que Moscova non tiña previsto asinar ningún documento ao termo das consultas na capital saudita.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade