Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rusia lanza un ataque masivo nocturno contra Kíiv e mata polo menos tres persoas

Rusia lanza un ataque masivo nocturno contra Kíiv e mata polo menos tres persoas

Segundo as primeiras informacións, as vítimas morais son un neno, un home e unha muller

Rusia atacou Ucraína con 147 drons iranianos Shahed e a alerta na capital durou cinco horas

 

 

G24.gal 23/03/2025 09:09 Última actualización 23/03/2025 10:51

Rusia lanzou esta noite un ataque aéreo masivo durante máis de cinco horas contra a capital ucraína. O bombardeo con drons causou polo menos tres vítimas mortais, segundo informou este domingo a administración militar da cidade.

"Segundo a información dispoñible, tres persoas morreron, incluído un neno de cinco anos. Outras dez persoas resultaron feridas. Entre os mortos atópanse un pai e a súa pequena filla", sinalou esta fonte na súa canle de Telegram.

A alerta antiaérea na capital durou cinco horas e 13 minutos, ata ben entrada a madrugada.

De acordo co parte matutino da Forza Aérea, Rusia atacou Ucraína durante a noite con 147 drons iranianos Shahed, dos que 97 foron derrubados no sur, norte, oeste e centro do país. As rexións afectadas son Kíiv, Khárkov, Sumi, Cherníguiv, Odesa e Donetsk.

Un neno, un home e unha muller

O Servizo Estatal de Emerxencias explicou en Telegram que, mentres as forzas de rescate limpaban os entullos no distrito de Holosiiv, descubriron o corpo dun neno. Previamente tamén toparon o corpo sen vida dun home no mesmo lugar.

Entre as vítimas mortais tamén se atopa unha muller que foi descuberta no distrito de Dnipró da capital, onde os fragmentos de drons derrubados polos sistemas antiaéreos de Ucraína impactaron nun edificio de nove pisos. Un total de 27 persoas foron evacuadas.

Segundo o alcalde de Kíiv, Vitali Klitchkó, no mesmo barrio caeron restos de drons sobre un establecemento de restauración. No distrito de Holosiiv, foron parar a unha zona industrial e no barrio de Podil acabaron sobre un edificio de varios andares, o que provocou un incendio no vixésimo piso.

Outros tantos edificios residenciais e comerciais -oficinas e un almacén de 2.000 metros cadrados-, resultaron danados pola caída de restos de drons derrubados. No barrio de Shévchenko, os entullos caeron nunha zona residencial e seis vehículos quedaron danados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade