A UE renova o seu compromiso coa integridade de Ucraína, pero non aproba novas axudas
Os xefes de Estado e de Goberno, salvo Hungría, comprométense a aumentar o apoio a Kíiv segundo «as capacidades» de cada país, pero sen fixar unha cifra concreta
Bruxelas busca usar a conxelación dos fondos do Kremlin como unha baza para negociar con Putin a fin da contenda

Os líderes da Unión Europea renovaron o seu compromiso de seguir apoiando a Ucraína e manter a presión sobre Rusia, pero sen mencionar os 40.000 millóns de axuda adicional propostos que a alta representante para a Política Exterior da UE, Kaja Kallas.
"A Unión Europea continuará proporcionando a Ucraína un apoio financeiro regular e predicible", din as conclusións aprobadas polo Consello Europeo, ás que non se sumou Hungría.
O texto, adoptado nun cumeio en Bruxelas en que participou por videoconferencia o presidente de Ucraína, Vlodímir Zelenski, subliña o "inquebrantable apoio" do Consello Europeo "á independencia, soberanía e integridade territorial de Ucraína dentro das súas fronteiras recoñecidas internacionalmente".
Celebra tamén os avances nas conversacións de paz impulsadas polo presidente de Estados Unidos, Donald Trump, e o cesamento do fogo parcial alcanzado entre os dous bandos, e insta "a demostrar unha vontade política real para poñer fin á guerra".
"Un camiño crible cara á paz debe incluír esforzos de axuda humanitaria, en particular o intercambio de prisioneiros de guerra, a liberación de civís e o regreso de todos os nenos ucraínos e outros civís deportados e trasladados ilegalmente a Rusia e Belarús", engaden os 26 xefes de Estado e de Goberno que subscriben o documento.
Pero no texto non se mencionan os 40.000 millóns de euros de axuda adicional que a actual coordinadora da política exterior europea propoñía enviar a Kíiv.
Sobre a entrega de munición, os líderes dos vinte e seis países da UE que apoian a declaración chaman a "coordinar un aumento do apoio sobre unha base voluntaria.
Especialmente no que respecta a munición de artillería de gran calibre e mísiles" e subliñan a necesidade de "intensificar urxentemente os seus esforzos para atender as necesidades militares e de defensa urxentes de Ucraína".
"Todo o apoio militar e as garantías de seguridade para Ucraína proporcionaranse con pleno respecto á política de seguridade e defensa de certos estados membros e tendo en conta os intereses de seguridade e defensa de todos os estados membros", sinalan.
Posibles novas sancións a Rusia
Na procura desa paz, a UE di estar "disposta a aumentar a presión sobre Rusia, mesmo mediante novas sancións e o fortalecemento da aplicación das medidas existentes, incluíndo novos medios e accións para evitar a súa elusión, co fin de debilitar a súa capacidade".
"A Unión Europea e os seus estados membros contribuirán ao proceso de paz e axudarán a garantir unha paz xusta e duradeira para Ucraína, o que beneficia tanto a Ucraína como a Europa no seu conxunto", engaden os líderes comunitarios.
Esa perspectiva de cesamento de hostilidades debe desembocar en "unha paz integral que respecte a independencia, soberanía e integridade territorial de Ucraína" e debe ir acompañada "de garantías de seguridade sólidas e cribles para disuadir futuras agresións rusas".
Os líderes da UE din estar preparados "para contribuír a estas garantías de seguridade, en particular apoiando a capacidade de Ucraína para defenderse de maneira efectiva, baseándose nas súas respectivas competencias e capacidades".