A UCO admite un erro e di que os terreos de Ábalos en Colombia custaron só 751 euros
Os investigadores confundiron 2.500.000 pesos colombianos con 2.500.000 dólares
A UCO asegura que o ex ministro puxo a súa filla como titular dun piso en Madrid e recomproulle un local a súa muller polo dobre do que custara
Ábalos nega ser o propietario dun chalé en Colombia, como di a UCO

A Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil admitiulle ao xuíz do caso Koldo que cometeu un erro na interpretación da moeda con que o exministro José Luis Ábalos pagou uns terreos en Colombia en 2003, que custaron en realidade 751,23 euros e non 2,1 millóns.
A UCO remitiu un escrito á Sala do Penal do Supremo cuxo título di Salvando un erro, no que corrixe o informe datado o pasado 17 de marzo, que se coñeceu este mércores.
Nel, os investigadores deixaron constancia da existencia dun documento que alude á compra por parte do exministro dunha propiedade en Colombia por "$ 2.500.000,00, que, convertido a moeda nacional no momento da transacción, resultarían ser 2.137.848,37 euros".
Neste novo documento comunícase ao xuíz un erro na interpretación da moeda utilizada para a compra deste inmoble, pois considerouse o emprego de dólares americanos ($) en lugar de pesos colombianos ($), e por tal motivo a cantidade correcta serían 751,23 euros.
"O dano xa está feito!", lamentou este xoves Ábalos na súa conta de X, onde xa o mércores denunciou a falta de rigor do informe, que confundía 2.500.000 pesos colombianos con 2.500.000 dólares.
Explicou Ábalos que a propiedade que lle atribuía a UCO era un terreo rústico na montaña de Tuluá que adquiriu en 2003 e vendeu sen construción ningunha en 2013, hai 12 anos, e preguntouse que tiña que ver coa súa xestión no Ministerio de Transportes. "A investigación abarca toda a miña vida? Estamos ou non estamos ante unha causa xeral e unha investigación prospectiva?", lamentou.
Puxo a filla como titular dun piso en Madrid e recomproulle un local a súa muller polo dobre do que custara
Segundo a UCO Días despois de que o Supremo ordenara investigar os seus bens, o exministro puxo a súa filla como titular dun piso en Madrid.
E non só iso. A investigación da Garda Civil tamén revela que Ábalos recomproulle á súa muller un local polo dobre do que lle custara.
O informe da UCO sobre os bens de Ábalos solicitado polo Supremo tamén revela que o exministro figura como titular, cotitular ou partícipe de 265 contas bancarias, das que 258 teñen vínculos co PSOE.