Publicador de contidos

Publicador de contidos

Deteñen en Francia un condenado por xihadismo acusado de matar tres agricultores en Navarra e Lleida

Deteñen en Francia un condenado por xihadismo acusado de matar tres agricultores en Navarra e Lleida

Os crimes que se lle atribúen producíronse entre finais de 2023 e comezos do ano 2024

O sospeitoso fora condenado en 2018 por tentar viaxar a Siria para unirse ao Estado Islámico

Arquivo (Europa Press/Vincent Isore) Arquivo (Europa Press/Vincent Isore)
G24.gal 26/03/2025 10:24 Última actualización 26/03/2025 13:38

A policía francesa detivo en Francia un condenado por xihadismo polo presunto homicidio de tres agricultores en zonas rurais de Navarra e Lleida entre novembro de 2023 e xaneiro de 2024.

Fontes próximas á investigación indicaron a EFE que o home, de nacionalidade marroquí, foi arrestado o pasado martes na localidade de Béziers. Axentes da Policía Nacional, Garda Civil e Mossos d'Esquadra buscábano por estes tres crimes.

Está acusado de matar dous agricultores en novembro e decembro de 2023 en Tudela e Ribaforada (Navarra) e a outro traballador en xaneiro de 2024 en Lleida.

O sospeitoso é Allal El Mourabit, quen fora detido en 2014 por unha posible radicalización e logo unha segunda vez por tentar unirse ao Estado Islámico en Siria. A Audiencia Nacional condenouno en 2018 a 2 anos e seis meses de prisión. Ao tratarse dunha condena menor non chegou a entrar en prisión e durante algún tempo levou un localizador telemático. Tras serlle retirado perdeuse a súa pista.

O primeiro dos crimes que se lle atribúen ocorreu en novembro de 2023 en Tudela. A vítima era un home de 68 anos que foi atopado nun oliveiral con coiteladas e golpes

A segunda das mortes foi un mes máis tarde tamén en Navarra, na localidade de Ribaforada. Alí atoparon morto un agricultor, de 80 anos, con feridas compatibles cun accidente coa maquinaria de traballo. Non obstante, o seu coche desapareceu do lugar, e iso non cadraba.

O vehículo localizouse días máis tarde en Lleida, na localidade de Vilanova de la Barca, onde xa en xaneiro de 2024 atopaban morto nunha explotación agrícola outro agricultor, de 84 anos, cun golpe na cabeza, aparentemente golpeado cunha ferramenta.

Tras as primeiras hipóteses, as indagacións policiais permitiron constatar que o autor dos tres crimes era a mesma persoa, xa que todos os feitos presentaban características moi similares e grazas tamén ao minucioso labor de criminalística realizada nos escenarios dos asasinatos que permitiu obter un perfil xenético presente nos tres casos e vinculalos entre si.

De feito, segundo informan este mércores os Mossos d'Esquadra, o detido utilizaba o mesmo modus operandi nos seus asasinatos: o home matou as súas vítimas cunha arma como un machete ou similar coa finalidade de roubarlles o vehículo para poder desprazarse e pernoitaba nas zonas rurais á intemperie ou en lugares abandonados.

Tras fuxir co coche da terceira vítima, e un fugaz paso por Andorra, pérdese o seu rastro. A análise detallada dos seus movementos por España e o exame das zonas rurais nas que pernoitaba permitiu obter unha imaxe do home e a súa posterior identificación. Unha orde internacional de detención da Interpol concluíu agora coa súa detención en territorio francés.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade