Os EUA confirman a morte do número 2 do Estado Islámico nun ataque en Iraq
Aseguran que Abdulá Maki Musleh al Rifai, o xefe das operacións globais da organización terrorista, morreu nun ataque aéreo
A coalición internacional antixihadista liderada polos Estados Unidos confirmou este sábado que as súas forzas mataron a Abdulá Maki Musleh al Rifai, o número dous do Estado Islámico (EI) e xefe das operacións globais nun ataque aéreo no oeste de Iraq.
"O 13 de marzo, as forzas do Comando Central dos Estados Unidos, en cooperación coas forzas de intelixencia e seguridade iraquís, levaron a cabo un ataque aéreo de precisión na provincia iraquí de al Anbar que acabou coa vida do líder global número 2 do EI, xefe de operacións globais e emir do comité delegado, Abdulá Maki Musleh al Rifai, alias Abu Jadiya, e doutro axente do EI", indicou o organismo estadounidense nun comunicado.
Al Rifai tiña "a responsabilidade das operacións, a loxística e a planificación levadas a cabo polo EI a escala mundial, e dirixía unha parte significativa das finanzas da organización global do grupo", apunta a nota.
Tras o ataque, a coalición e as forzas iraquís desprazáronse ao lugar e atoparon mortos os dous terroristas que, segundo un vídeo publicado polo Comando Central, estaban nun coche.
"Ambos os dous terroristas levaban chalecos suicidas sen explotar e tiñan múltiples armas. A coalición e as forzas iraquís puideron identificar a Abu Jadiya grazas a unha coincidencia de ADN recollida nunha redada anterior na que escapou polos pelos", dixo a alianza.
Esta confirmación prodúcese horas despois de que o primeiro ministro iraquí, Mohamed Shia al Sudani, anunciara a morte do "vicecalifa" do EI.
Na operación, detiveron tamén "sete terroristas, entre eles dúas mulleres que mantiñan unha relación co criminal asasinado", e outros cinco en Erbil, a capital do Kurdistán iraquí.
A súa morte é un novo golpe á organización terrorista, cuxo líder e "califa" é Abu Hafs al Hashimi al Qurashi desde agosto de 2023. Nos últimos meses, Iraq anunciou a morte de varios altos rangos do grupo, que chegou a ocupar gran parte do país entre 2014 a 2017, data na que foi derrotado territorialmente.
Alerta na fronteira
Con todo, os seus remanentes aínda teñen presenza no país e levan a cabo ataques, sobre todo contra as forzas de seguridade.
Coa caída do réxime de Bachar al Asad o pasado decembro, as autoridades iraquís elevaron o nivel de alerta na súa fronteira pola posibilidade de que os xihadistas cruzasen ante o baleiro de poder.