Publicador de contidos

Publicador de contidos

Renfe non prevé quitar ningunha parada do AVE Vigo-Madrid, como pedía Caballero

Renfe non prevé quitar ningunha parada do AVE Vigo-Madrid, como pedía Caballero

O rexedor celebrara a boa acollida e a postura receptiva do presidente de Renfe logo da súa xuntanza

G24.gal 20/03/2025 10:11 Última actualización 20/03/2025 12:48

Renfe non prever quitar ningunha parada do AVE entre Vigo e Madrid, como solicitou o alcalde da cidade galega Abel Caballero nun encontro levado a cabo este pasado mércores co presidente da compañía Álvaro Fernández Heredia.

Renfe indicou que esta reunión se enmarca nas relacións institucionais habituais que mantén a empresa con distintos organismos para mellorar o servizo que presta.

Nun comunicado posterior, Renfe aclarou que non se considera quitar ningunha parada do percorrido dos trens AVE que unen Galicia con Madrid.

A compañía reivindicou a mellora dos servizos de alta velocidade entre a comunidade autónoma e a capital do Estado grazas á chegada dos trens Avril, que, segundo dixo, reduciron os tempos de viaxe e trouxeron máis frecuencias e prazas.

Todo iso despois de que Caballero enviase un audio aos medios de comunicación asegurando que solicitou a Fernández Heredia que suprimise certas paradas que na actualidade realiza o AVE entre Vigo e Madrid ao seu paso por Castela e León para así reducir os tempos de viaxe.

Nas súas palabras, o rexedor celebraba a boa acollida e a postura receptiva do presidente de Renfe. Con todo, agora a compañía asegura que non se prevé quitar paradas.

Na actualidade, o traxecto entre Vigo e Madrid anda polas catro horas no mellor dos casos, mentres que na maioría das opcións supera esta franxa. O ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, anunciou hai case un ano que en setembro de 2024 a viaxe duraría 3 horas e 35 minutos grazas aos novos trens Avril. Con todo, a día de hoxe os tempos continúan moi por encima desa franxa.

Caballero insiste no "elevadísimo" número de paradas do AVE Vigo-Madrid

En calquera caso o alcalde de Vigo volveu insistiu este xoves no "elevadísimo" número de paradas que realiza o AVE entre Vigo e Madrid, polo que volveu a pedir unha redución dos tempos de viaxe para que queden en 3 horas e 45 minutos.

Así o sinalou noutro audio difundido aos medios de comunicación, despois de que este mércores llo solicitase ao presidente de Renfe. Segundo Caballero, entre Vigo e Madrid hai catro trens diarios, dos cales dous deles fan "oito e nove paradas", deixando o tempo medio de viaxe en preto de 4 horas e 15 minutos. "Pódese facer tecnicamente e sen forzar en 3 horas e 45 minutos", asegurou, convidando a Renfe a "reflexionar".

"Algunhas das cidades nas que fai parada teñen 37 trens diarios a Madrid", apuntou Caballero, indicando que "non quere quitarlle ningunha" pero lembrando que Vigo só ten catro conexións ao día, polo que Renfe podería resolver esta situación "sen danar a estes municipios", referíndose a que outra das cidades na que para o AVE Vigo-Madrid conta con ata oito conexións diarias coa capital.

"Eu felicito aos que teñen 37 AVE a Madrid ao día. Teñen que estar encantados. Pero en Vigo só temos dous, porque os outros dous non son", lamentou Abel Caballero, Insistindo en que "non quere danar a ninguén" pero que pretende un tempo medio de 3 horas e 45 minutos.

Tras as palabras do presidente da Junta de Castilla y León, Alfonso Fernández Mañueco, que viu "intolerable" que Caballero pedise suprimir paradas na súa Comunidade e solicitoulle que rectificase, o alcalde de Vigo mandou unha mensaxe ao líder popular, asegurando que "foi o seu partido o que deixou a Vigo sen alta velocidade".

"O seu partido obríganos a dar unha volta de 100 quilómetros por Santiago", engadiu, indicando que lle gustase no seu día oír "a súa voz solidaria" defendendo a Vigo, unha cidade "irmá e amiga".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade