Evacuadas 400 persoas dun tren que cortou a liña do AVE Barcelona-Madrid
O convoi quedou parado ás 6:40 horas no túnel de saída da estación de Sants por unha avaría na catenaria
A circulación quedou restablecida en ambos os dous sentidos ás 9:30 horas tras a recuperación da tensión nas vías

Un total de 403 persoas foron evacuadas dun tren parado no túnel de saída da estación de Sants de Barcelona, o que provocou o corte da liña de alta velocidade que conecta a capital catalá con Madrid durante varias horas.
Segundo fontes de Protección Civil, o tren de alta velocidade de Ouigo quedou bloqueado ás 6:40 horas da mañá deste sábado no túnel de saída da estación por unha avaría na catenaria. Dada a proximidade da estación, a evacuación foi a pé.
Pouco despois das 9:00 horas quedou restablecida parcialmente a circulación de trens de alta velocidade, longa e media distancia en Barcelona, onde funcionaba unha soa vía para a entrada e saída.
Media hora máis tarde, recuperouse a tensión e puideron retirar o convoi que interrompía o tránsito. Os trens acumularon atrasos de entre unha e dúas horas de media. Dende entón, restableceuse a circulación por completo.
Plan de emerxencia
Por mor deste novo incidente ferroviario, Protección Civil activou a alerta do plan de emerxencia FERROCAT.
Este corte na vía de alta velocidade rexistrouse vinte e catro horas despois de que outra avaría eléctrica obrigara este venres a desaloxar 900 persoas dun tren de proximidade en L'Hospitalet de Llobregat.