Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha falsa sarxento do exército americano defraudou máis de 300.000 euros a un septuaxenario

Unha falsa sarxento do exército americano defraudou máis de 300.000 euros a un septuaxenario

A Policía Nacional detivo cinco persoas por enganar un septuaxenario canario que se namorou por Internet dunha suposta sarxento destinada en Bagdad

A operación revelou a existencia dunha complexa rede de estafadores de carácter internacional, con conexións en varios países e composto por empresas estranxeiras

Foto de arquivo/Europa Press Foto de arquivo/Europa Press
G24.gal 20/03/2025 17:10 Última actualización 20/03/2025 17:30

A Policía Nacional detivo cinco persoas, dúas delas na Coruña, e investiga outras tres por un novo caso da denominada estafa do amor, no que unha falsa sarxento do exército naval americano defraudou máis de 300.000 euros a un septuaxenario.

O home, de 70 anos, transferiu 318.573 euros a contas dunha trama criminal despois de namorarse a través de Internet dunha suposta sarxento americana que dicía estar en misión en Bagdad.

Hai cinco persoas detidas, unha en Málaga, dúas na Coruña, unha en Soria e outra en Madrid. Ademais, hai tres identificados en Serra Leoa, Kenya e Illas Seychelles.

A vítima, con residencia nas Canarias, recibira a promesa da falsa sarxento de ir visitalo pronto e, baixo distintas escusas, ela pediulle que lle remitise diñeiro en varias ocasións.

Un dos casos máis importantes

A operación revelou a existencia dunha complexa rede de estafadores de carácter internacional, con conexións en varios países e composto por empresas estranxeiras, 'mulas do diñeiro' e contas bancarias dedicadas a unha gran gama de fraudes e branqueo de capitais.

Os axentes de Ciberdelincuencia da Comisaría Provincial de Málaga lideraron a investigación, que se iniciou por unha denuncia por tentativa de estafa, noutro caso distinto.

Nese caso, un empresario na Costa do Sol denunciou que alguén suplantara a conta de correo electrónico dun dos seus provedores, ao recibir un email no que se instaba a aboar varios pagos pendentes a unha nova conta por un montante de 8.568 euros.

Esta fraude, baixo o método coñecido co nome de 'man in the middle', non chegou a consumarse, pero permitiu aos ciberaxentes iniciar unha complexa investigación para desarticular unha trama de 'mulas financeiras' dedicadas á estafa e branqueo de cartos.

Na análise dos movementos da conta bancaria utilizada polos estafadores, a Policía Nacional detectou que existía unha transferencia de 31.000 euros que encaixaba, polo concepto descrito, dentro do que podería ser un calote amoroso, polo que iniciou as xestións para localizar o emisor.

A vítima negábase a aceptalo

Os axentes identificaron o home e contactaron con el, aínda que en principio non quería aceptar e recoñecer que estaba a ser estafado. Tras un período de "negación e desconcerto" interpuxo unha denuncia.

Os investigadores localizaron 14 transferencias realizadas a oito contas bancarias, das que sete tiñan un número IBAN español e outra de EUA. As contas baixo sospeita tiñan unha granDE actividade económica mediante transferencias e reintegros en caixeiros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade