Investigan unha nai e a súa filla por tratar de pagar con billetes falsos en Cangas
Os billetes para cometer a estafa adóitanse utilizar nas rodaxes de cine e de televisión
As investigadas están acusadas de estafa e teñen múltiples antecedentes policiais
Dúas mulleres, nai e filla, están acusadas de intentar coar billetes falsos en distintos negocios da zona de Aldán. Tiñan billetes dos que se usan en cine ou nas series de televisión, moi semellantes aos auténticos.
Á primeira ollada parecen auténticos, hai que reparar no aviso da dereita, Prop Copy, copia de atrezo, ou sexa para usar en cine ou televisión.
A denuncia partiu desta vendedora da ONCE, cando levou a Correos a recadación do día.
"Ao principio non me din conta, pero en canto o intentei pasar varias veces xa vin que era falso. En ningún momento pensas que che van a coar algo así", di María Alejandra Rivas, vendedora da ONCE.
Despois as investigadas tentárono de novo na panadería Iglesias, pero a dependenta decatouse. Si o conseguiron uns días despois, pagando con 20 euros falsos un café no bar que hai xusto en fronte.
"Parecen un pouco máis débiles. Pero xa comparmos o bolígrafo para mirar se son falsos. Senón serían 70 euros, que aquí para conseguilos son tres días de traballo", afirma Manuel Besada, presidente do club de xubilados de Aldán-Hio.
"Agora xa ando co bolígrafo e fíxome na raia do billete para saber se é falso ou non. De feito agora todo o mundo o comprou porque teñen medo", indica María Alejandra.
Estes billetes poden mercarse por Internet. Semellan aos reais, pero non teñen marca de auga nin nótase substitución ao tocalos.
As investigadas son dúas veciñas de Cangas, nai e filla, e que segundo a Garda Civil teñen múltiples antecedentes policiais. Están acusadas de estafa.