As mulleres conservaron e agora manteñen a receita tradicional do pan de Cea
As panadeiras do concello ourensán de San Cristovo de Cea están orgullosas de manter co seu esforzo a tradición dun pan que levan elaborando desde o século XIII, o único con indicación xeográfica protexida
É un oficio que foi pasando de avoas a netas, algunhas xa van pola sétima xeración
Elas son un exemplo da loita pola igualdade das mulleres no traballo
Un exemplo de loita pola igualdade no traballo son as mulleres panadeiras do concello ourensán de San Cristovo, onde son elas as que manteñen desde o século XIII a elaboración tradicional do afamado pan de Cea. O oficio foi pasando das avoas ás netas. No Día Internacional da Muller quixemos coñecer o día a día de tres mulleres panadeiras.
Imposible facer a conta das pezas que leva amasado Rosa María do pan artesanal de Cea. Un laborioso traballo, de moito madrugar e pouco durmir.
"Desde que se empeza a amasar ata que sae xa do forno pasan sete horas. Son tres amasadura á man e despois hai que enfornar unha a unha", explica Rosa María Villarono que leva máis de 20 anos á fronte do Forno do Carlos, da súa sogra e o seu sogro.
E para que uns poidan comer o pan fresco ao mediodía, desde ben cedo Rosa anda repartindo polas aldeas.
"Chova, neve ou escanabane temos que andar polo rural repartindo, se non a esta xentiña quen lles trae o panciño para comer", di Rosa de la Fuente, da panadería Calviño.
Entre Rosa María e Rosa suman máis e 40 anos de oficio. Sofía leva moito menos pero decidiu emprender, tivo que aprender e agora produce o seu propio pan de Cea.
"Tiña a ilusión de volver ao rural, onde me criei e fun moi feliz", di Sofía Godoy, dona da panadería Aboaamigalla.
Nunha terra que sabe a pan, a tradición secular do pan de Cea e o seu sabor único consérvanos as mans das mulleres.
"A miña tradición vén por parte da miña sogra, que é a panadeira de onde vén a tradición toda, que xa era a súa avoa, a súa nai... Nós debemos ser a sexta ou a sétima xeración", afirma Rosa María.
"Sempre foron as mulleres, de feito a avoa do meu home conta de ir buscar o trigo nunha mula, de levala ao muíño, de facer elas todo. Pode ser que algún home axudara, pero en Cea a tradición sempre é as panadeiras" di Rosa que casou co fillo dunha panadeira como Rosa María.
"Hoxe que é o Día da Muller se falamos da muller emprendedora hai que ser unha mestura de muller orquestra, muller marabilla e enfrontarte ao que se presente no día, e que pode ser facer o repartición, axudar no obradoiro, organizar a produción, facer unha venda ou unha entrevista coma agora", asegura Sofía Godoy, que rexenta a panadería Aboamigalla no plígono industrial en San Cristovo de Cea.