Medra a oferta de barcos como vivendas turísticas no porto de Vigo
Media ducia de casas flotantes están amarradas na dársena da Laxe, no peirao do Náutico
Tarifas desde 65 ata 100 euros por persoa e noite, segundo sexa tempada baixa ou alta
Como a maior parte do tempo o iate estaba atracado no peirao, José Antonio comezou a pensar no xeito de sacarlle máis proveito ao investimento. Decidiu daquela utilizar o barco como morada ocasional para outras persoas. "É un barco que merquei no seu tempo por afección á navegación, e por sacarlle algo de rendemento ao gasto alúgoo baixo a modalidade de booking", sinala José Antonio Gómez, propeitario do barco Pura Vida, que oferta como aloxamento turístico.
E dende hai cinco anos figura nunha coñecida plataforma de aloxamentos turísticos. Un veleiro de trinta e sete pés, once metros de eslora e catro de manga convertido nunha vivenda turística. Dispoñible para parellas, grupos e familias. "Para durmir de noite dunha forma cómoda, alugámolo para catro persoas, dúas por cada camarote", comenta José Antonio.
Tarifas desde 65 ata 100 euros por persoa e noite, segundo sexa tempada baixa ou alta. O produto ten unha demanda crecente sobre todo entre os estranxeiros. "Á xente estalle gustando e cada vez temos máis usuarios. Teño moita xente de Portugal. Atópome tamén con moitos hóspedes ingleses, algún americano. A verdade é que o 70 % dos usuarios son estranxeiros", asegura o promotor turístico.
En principio só o aluga para aloxamento, aínda que en casos especiais podería saír a navegar. "Entre xullo e agosto, se hai dispoñibilidade de patrón, pois organizamos unha saída, pero realmente o noventa por cento das reservas son para só aloxamento", comenta José Antonio.
O número de casas flotantes medra na dársena da Laxe, no peirao do Náutico. Xa hai media ducia de embarcacións dese tipo, algunhas non poden navegar, pero completan a oferta hoteleira de Vigo coa experiencia diferente de durmir sobre a auga.