Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Facultade de Medicina ampliará prácticas clínicas a Vigo e A Coruña a partir do curso 2026-2027

A Facultade de Medicina ampliará prácticas clínicas a Vigo e A Coruña a partir do curso 2026-2027

As prácticas de 5º curso impartiranse tamén nos hospitais da Coruña e Vigo

 

Antonio Gómez Caamaño, Román Rodríguez, Julián Álvarez e Antonio López/Xunta de Galicia/Europa Press Antonio Gómez Caamaño, Román Rodríguez, Julián Álvarez e Antonio López/Xunta de Galicia/Europa Press
G24.gal 19/03/2025 18:25

A Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela favorecerá a formación en prácticas dos alumnos de cuarto e quinto curso nos hospitais de Vigo e A Coruña a partir do 2026-2027.

O obxectivo é "optimizar" os recursos e os docentes cos que conta o Servizo Galego de Saúde (Sergas) no seu conxunto. Así o explicaron  o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño e o conselleiro de Educación, Ciencia, FP e Universidades, Román Rodríguez, que ofreceron unha conferencia de prensa en Santiago acompañados do reitor da USC, Antonio López e o decano da Facultade de Medicina, Julián Álvarez.

A Facultade de Medicina da USC seguirá sendo o único centro universitario de Galicia que impartirá esta titulación e continuará sendo o único en docencia teórica, ao amparo do convenio asinado en 2015 sobre a docencia clínica no Grao de Medicina.

A universidade busca descentralizar a docencia práctica, que ata o de agora se realiza principalmente no Complexo Hospitalario de Santiago (CHUS), aínda que algúns alumnos do sexto curso xa realizan a súa formación práctica noutros hospitais de forma rotatoria.

"O obxectivo é optimizar ao máximo a formación dos médicos en Galicia", expresou Caamaño.

"Desde o curso 2022-2023 entran cada ano 403 alumnos, o que implica que en 2026-2027 coincidan no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago 1.500 alumnos", declarou o titular de Sanidade.

Segundo Caamaño trátase dun proceso "que vai empezar a camiñar agora", de maneira "transparente e consensuada", na "optimización" da docencia.

"Isto requirirá de moita planificación e da creación dunha masa docente nestes hospitais, polo que non será un proceso que ser realizará dun día para outro", expresou.

Por tanto, será a partir do curso 2026-2027 cando alumnos tanto de quinto curso como de sexto poidan realizar as súas prácticas en hospitais universitarios de toda Galicia, co obxectivo de estendelo tamén aos de cuarto.

O decano de Medicina, Julián Álvarez, puntualizou que "se trata de continuar coa estrutura que existe no sexto curso de medicina" e comezar "coa práctica clínica de quinto e cuarto" noutros hospitais cun grupo de traballo que se iniciará en maio.

Ademais, negou a necesidade de incrementar as prazas do grao de Medicina, posto que a opinión dos expertos é "que xa sobran médicos", pero o que ocorre é que "faltan en determinadas especialidades e en determinados momentos".

Ante esta afirmación, Caamaño sinalou que "ao final ímonos pasar de freada", aínda que recoñeceu que "médicos de familia, pediatras e psiquiatras fan moita falta".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade