A USC saca a licitación da nova Facultade de Farmacia por case 24 millóns de euros
O prazo de execución para a obra da primeira fase é de 22 meses
O alumnado leva case unha década sen facultade debido á contaminación e os problemas estruturais do antigo edificio

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) sacou a licitación, cun orzamento de case 24 millóns de euros, a primeira fase da Cidade da Saúde, que incluirá aulas, laboratorios de prácticas, despachos, biblioteca e áreas de xestión da Facultade de Farmacia.
"Este feito representa un importante paso adiante tras anos de loita incansable por parte do alumnado, do persoal investigador, do PDI e de toda a comunidade universitaria da Facultade de Farmacia da USC", celebrou a Rede Galega de Estudantes de Farmacia (Regeifar).
Segundo adiantou a USC, poderanse presentar ofertas a esta licitación, cuxo orzamento base é de 23.757.022 euros con IVE, ata as 14:00 horas do día 16 de abril de 2025 e a idea é iniciar as obras este mesmo ano. Ademais, esta primeira fase conta cun prazo de 22 meses para a súa execución total.
En concreto, detallou que o obxectivo destas obras é "dispor de espazos adecuados para o modelo de docencia actual", tanto teórica como práctica, e que considera necesarios para o bo funcionamento da Facultade de Farmacia, "garantindo que os estudos do centro se impartan nas mellores condicións posibles".
Unha década sen as infraestruturas "adecuadas"
Neste contexto, Regeifar lembrou que tras o peche do pavillón de aulas no ano 2016, a Facultade de Farmacia leva case unha década sen unhas infraestruturas docentes "adecuadas", o que obrigou aos estudantes para recibir docencia en diferentes facultades do Campus Sur durante anos.
Deste xeito, a nova facultade, enmarcada no proxecto da Cidade da Saúde que tamén albergará Enfermería, será unha realidade despois de case unha década na que profesores e alumnos estiveron repartidos por diferentes edificios da universidade compostelá.
"A licitación da primeira fase da Cidade da Saúde supón un motivo de satisfacción, xa que representa a culminación dunha demanda histórica que leva anos sendo esixida. Pero tamén é un momento para manter a cautela, o avance que celebramos debe materializarse sen máis atrasos e con garantías de cumprimento dos prazos establecidos", reivindicou a Rede de Estudantes de Farmacia.
Nesta liña, lembrou que esta é a única titulación de Farmacia do Sistema Universitario Galego pero que, a pesar diso, o alumnado e o persoal "levan anos soportando condicións inaceptables".
Cabe destacar que a nova facultade contará cunha biblioteca, unha sala de estudo, 12 aulas con capacidade para acoller a 100 alumnos e outras nove para 50, catro aulas de informática, salas de conxeladores e 17 laboratorios de prácticas, entre outras.
O pasado setembro a Xunta aprobou unha transferencia de 12 millóns de euros á USC co obxectivo de que neste 2025 arrincasen as obras da nova facultade para que estea en funcionamento en 2027.