Trinta prazas e matrícula gratuíta para a terceira edición de addventure
Os consellos sociais da UDC e a USC promoven este programa de formación para emprendores
Graduados, autónomos ou emprendedores que queiran desenvolver a súa idea empresarial da man das últimas innovacións tecnolóxicas e da intelixencia artificial son os destinatarios dun programa de formación para o emprendemento, público e gratuíto. Presentárono este mércores os responsables dos consellos sociais das universidades da Coruña e de Santiago.
O curso dura 3 meses, con máis de 260 horas lectivas e dúas xornadas presenciais. Da man da Universidade de Mondragón, seguen o método LEINN, pensado para desenvolver capacidades de liderado e innovación.
"Queremos atopar persoas que saben o que é addventurehub.es e que queren realmente poñer en marcha unha empresa, e non só formarse en algo interesante", explicou Jesús Spósito, secretario do Consello Social da Universidade da Coruña
Apréndese a detectar as necesidades do mercado, crear unha idea e desenvolvela, e tamén coñecementos sobre modelos de financiamento, xestión de talento ou mercadotecnia. O prazo de inscrición está aberto e quedan por cubrir 15 das 30 prazas ofertadas.
"Para axudar os nosos alumnos e graduados a fomentaren as súas capacidades emprendedoras. Dese xeito contribuímos a fortalecer tamén o ecosistema empresarial galego", dixo Cecilia Sierra, presidenta do Consello Social da USC.
No acto de presentación púxose de exemplo unha iniciativa que usa a intelixencia artificial para mellorar, ordenar e crear texto para as fotos dos portais inmobiliarios. Investigadores da Universidade da Coruña, pioneiros desenvolvendo modelos de IA aplicada á arte, que hoxe traballan coa súa empresa para catro portais europeos e de América Latina.