Adeus definitivo aos empastes con mercurio
A amálgama contiña outros elementos como estaño, cobre ou mercurio
Xa foran prohibidos en menores de 15 anos e embarazadas, mais agora a medida esténdese a todos os pacientes
Habituais hai anos na odontoloxía para combater a carie, chegou a fin dos empastes de prata. A amálgama contiña outros elementos como estaño, cobre ou mercurio. Este último é a razón pola que a Unión Europea decidiu prohibilos definitivamente. Xa os vetara en menores de 15 anos e embarazadas desde 2018. Agora esténdese a todos os pacientes.
"O problema maior é o vapor. Non ten moito que ver con outras modalidades de mercurio, porque a absorción é menor. Pero, aínda así, o motivo fundamental é a produción de vapores de mercurio. Hai practicamente 15 anos que na Facultade de Odontoloxía da Universidade de Santiago xa non se fala da amalgama. Fálase dela como unha cousa histórica", explica o catedrático de Ortodoncia da USC, David Suárez Quintanilla.
No día a día foi substituída hai tempo por resinas ou composites, pero aínda hai millóns de bocas con esa amálgama dental. A recomendación xeral dos expertos é cambialos só se é necesario. Aseguran que a liberación do vapor é mínima e din que a exposición medra cando se retiran.
"O máis importante é non quitar as amalgamas por quitalas. É dicir, quítanse porque se fracturaron e hai que substituílas por unha coroa, un composite ou por algo parecido. Porque o problema real agora coa amalgama é a remoción da amalgama. É dicir, a eliminación da amalgama", mantén Suárez Quintanilla.
Con todo, para os que queren substituíla por outro material máis estético ou seguro, hai un protocolo nas clínicas. "Un illamento moi preciso da boca, da área, unha aspiración. Hai que facelo con auga para evitar os vapores, moita auga, moira irrigación. Mesmo hai que facer a extracción por bloques, non se pode facer pulindo, porque iso é o problema, xera máis toxicidade", engade o catedrático.
Despois vén a xestión correcta dese mercurio retirado para evitar impactos no medio ambiente.