Publicador de contidos
Publicador de contidos

Europa prepara "ferramentas de defensa comercial" ante eventuais aranceis dos Estados Unidos

Europa prepara "ferramentas de defensa comercial" ante eventuais aranceis dos Estados Unidos

O comisario europeo de Comercio subliñou que "a UE respondería con firmeza a calquera socio comercial que impoña aranceis de maneira inxusta ou arbitraria aos produtos da UE", nunha clara alusión á recente ameaza de Trump

Von der Leyen di que a UE está preparada para dialogar e responder con firmeza a Trump

G24.gal 04/02/2025 18:54

Os ministros de Industria e Comercio da Unión Europea (UE) abordaron este martes en Varsovia a posibilidade de responder con "ferramentas de defensa comercial" á posible imposición de aranceis desde Washington.

Nunha conferencia de prensa tras o encontro informal na capital polaca, Stéphane Séjourné, vicepresidente executivo de Prosperidade e Estratexia Industrial da Comisión Europea (CE), asegurou que "se temos unha guerra comercial, todos seremos perdedores".

O francés advertiu que Europa "desenvolveu unha serie de ferramentas que permiten defenderse" ante unha eventual guerra de aranceis transatlántica.

Pola súa banda, o comisario europeo de Comercio e Seguridade Económica, Maroš Šefčovič, subliñou que "a UE respondería con firmeza a calquera socio comercial que impoña aranceis de maneira inxusta ou arbitraria aos produtos da UE", nunha clara alusión á recente ameaza do presidente estadounidense, Donald Trump, de incrementar as trabas económicas ás importacións europeas.

Como exemplo da disposición de Bruxelas a defender os seus intereses comerciais, Šefčovič, citou o caso dos vehículo eléctricos chineses, aos que, dixo, "xa impuxemos aranceis (...) por estar subvencionados inxustamente".

O comisario eslovaco apuntou que a UE ten un superávit de 154.000 millóns de euros en bens con respecto a Estados Unidos, mentres que os EUA teñen un superávit de 104.000 millóns de euros en servizos con respecto á UE.

Destacou que cinco millóns de empregos en ambos os lados do Atlántico dependen desta relación comercial.

Ademais ambos os executivos comunitarios reiteraron a importancia de apoiar sectores clave para a UE, como a industria química e a do aceiro, así como "a necesidade de contrarrestar as disrupcións nas cadeas de subministración globais, especialmente no ámbito das materias primas críticas".

Segundo declarou Séjourné na conferencia de prensa, os ministros tamén discutiron a necesidade de "construír acordos comerciais equilibrados, que inclúan os países candidatos (a integrarse na Unión) nas cadeas de valor europeas", entre os que incluíu a Ucraína, Moldavia e Xeorxia.

Por outra banda, o vicepresidente de Prosperidade e Estratexia Industrial fixo un chamamento ao mantemento da cooperación transatlántica porque "a cooperación vale a pena, pero os aranceis prexudican a todos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade