Estados Unidos comeza a enviar migrantes a Guantánamo
Estados Unidos comeza a enviar migrantes a Guantánamo
Trump ordenara ampliar a capacidade de detención na base naval de Guantánamo para albergar a máis de 30.000 persoas
Estados Unidos enviou este martes o primeiro voo con migrantes arrestados en territorio estadounidense cara a un centro de detención na base militar de Guatánamo (Cuba), segundo informou a portavoz da Casa Branca, Karoline Leavitt.
"Xa non permitiremos que EUA sexa unha entulleira de criminais ilegais de nacións de todo o mundo", dixo en declaracións á cadea Fox News.
O Goberno do presidente Donald Trump emprendeu unha campaña en contra dos máis de 11 millóns de migrantes indocumentados no país, tachándoos de "criminais" e prometendo levar a cabo a maior campaña de deportación na historia de Estados Unidos.
Nas súas primeiras semanas no poder, as autoridades detiveron máis de 3.000 persoas en todo o país, unha cifra afastada das redadas "masivas" que Trump se comprometeu a realizar.
O presidente ordenou ampliar a capacidade de detención na base naval de Guantánamo para albergar máis de 30.000 persoas e o Pentágono despregou xa máis de 150 militares para a devandita tarefa.
Entre os militares despregados atópanse infantes de Mariña e outros militares do Comando Sur de EUA, encargado da América Latina.
O pasado mércores, ao asinar o memorando para ampliar a capacidade do centro de migrantes en Guantánamo, Trump afirmou que a medida busca "deter os peores inmigrantes ilegais criminais que representan unha ameaza para o pobo estadounidense".
Baixo a lei estadounidense, vivir no país sen autorización ou status legal non é unha falta criminal senón civil. Por tanto, é falso que as persoas indocumentadas teñan de seu un "historial criminal", como asegurou o actual Goberno.
Cruzar a fronteira sen inspección -codificado como 'ingreso indebido'- ou tentar entrar en EUA despois de ser deportado ou expulsado si está tipificado na lexislación penal: o primeiro como un delito menor e o segundo como un delito grave.