Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un tiroteo deixa polo menos once mortos nun centro educativo para adultos en Suecia

Un tiroteo deixa polo menos once mortos nun centro educativo para adultos en Suecia

O presunto autor do suceso é un dos falecidos

A Policía empezou a evacuar varias escolas próximas, onde se retiveron profesores e alumnos como medida de precaución

O primeiro ministro cualifica o tiroteo como o peor da historia do país

Operación policial na escola Risbergska, Suecia/Reuters/Kicki Nilsson
G24.gal 04/02/2025 15:09 Última actualización 05/02/2025 09:16

Polo menos once persoas morreron, entre eles o presunto agresor, nun tiroteo ocorrido onte nun centro educativo para adultos en Örebro (200 quilómetros ao oeste de Estocolmo), informou este mércores a policía sueca.

A cifra de feridos aínda non está clara, aínda que seis persoas permanecen ingresadas no hospital universitario de Örebro, en situación estable, dúas deles na Unidade de Coidados Intensivos. As autoridades suecas cren que o individuo actuou só e descartan que estea vinculado con bandas criminais ou con organizacións terroristas.

"A policía ve que unha narrativa errónea sobre o tiroteo de Örebro se difundiu por redes sociais. Por iso queremos aclarar que, segundo a investigación, agora mesmo non hai informacións que indiquen que o autor material actuase por motivos ideolóxicos", consta nun comunicado deste mércores.

O tiroteo comezou cara á 12:30 hora local (11:30 GMT) no Campus Risbergska, unha escola que forma parte dun complexo educativo de educación para adultos. Alumnos e profesores foron aloxados noutras escolas lindeiras durante horas ata que a policía puido asegurar o lugar dos feitos.

O xefe da policía de Örebro, Roberto Eid Forest, sinalou en conferencia de prensa que o presunto autor figura entre os mortos e que non podía precisar a o número de feridos. A policía traballa en identificar os cadáveres.

"Nestes momentos estamos seguros de que non vai haber máis atentados. As escolas onde se gardaron profesores e alumnos xa foron evacuadas", dixo Forest en relación a varios centros próximos á escola afectada que foron usados mentres os axentes rastrexaban a zona.

O tirador non era coñecido pola policía, que cre que actuou só e non está relacionado con bandas criminais, ademais de descartar inicialmente que poida ter vínculos con organizacións terroristas.

"Seguimos crendo que temos o autor principal, aínda que non excluímos que haxa máis persoas vinculadas", dixo Forest.

Nunha comparecencia celebrada dúas horas antes, a policía informara só de cinco feridos e rexeitara confirmar as informacións de medios suecos, entre eles a televisión pública SVT, que falaban de varios mortos e quince feridos.

Ademais, segundo informaron nun inicio varios tabloides suecos e a axencia de noticias TT, o autor dos disparos suicidouse.

Ningún axente quedou ferido no operativo, aclararon as autoridades. A policía sueca, que recibiu o aviso pasadas as 12:30 hora local, falou de delitos de intento de asasinato, incendio e graves delitos con armas.

O hospital de Örebro baleirou as urxencias e a unidade de coidados intensivos para atender os feridos, informou a emisora pública Radio de Suecia.

A escola Campus Risbergska é un centro de educación para adultos e, segundo declarou á televisión pública SVT Lena Warenmark, unha das docentes, á hora do tiroteo había menos alumnos dos habituais no recinto porque moitos foron á casa tras finalizar os seus exames.

O primeiro ministro Ulf Kristersson cualificou o suceso como "o peor tiroteo de masas na historia sueca". "Hoxe vimos unha violencia mortal brutal contra persoas completamente inocentes", dixo.

Kristersson sinalou que o ocorrido é "difícil de aceptar" e mostrou a súa "pena sen fin" porque "o que non debería ocorrer, ocorreu".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade