As axencias espaciais, mobilizadas ante o posible choque dun asteroide coa Terra en 2032
A Axencia Espacial Europea manda unha mensaxe de tranquilidade e insiste en que a posibilidade de que se produza unha colisión é só dun 1,5 %
O asteroide mide entre 40 e 90 metros de diámetro
A Axencia Espacial Europea (ESA) e a estadounidense NASA mobilizaron os seus sistemas de observación e seguimento para o asteroide 2024 YR4, que ten unha pequena posibilidade (1,5 %) de impactar contra a Terra o 22 de decembro de 2032.
O asteroide, que foi descuberto o pasado día 27, mide entre 40 e 90 metros de diámetro, segundo os últimos datos publicados pola ESA. No caso de golpear o planeta non causaría unha catástrofe global, aínda que os datos se irán refinando a medida que se teñan novas observacións.
O coordinador do servizo de información da Oficina de Defensa Planetaria da ESA Juan Luis Cano sinala: "Segue habendo un 98,5 % de posibilidades de que non impacte coa Terra, polo que non queremos transmitir unha mensaxe catastrofista á sociedade". Coas notificacións emitidas a semana pasada por dúas institucións encargadas do seguimento de asteroides, indícase que, no caso de colisión, o corredor de risco sería o Océano Pacífico oriental, o norte de Suramérica, o Océano Atlántico, África, o Mar Arábigo e o sur de Asia, onde "no improbable caso dun impacto" se producirían danos graves por explosión.
É a primeira vez en 20 anos que se atopan "cun caso tan relevante". O anterior foi o do asteroide Apofis, descuberto en 2004, pero do que rapidamente se puido reducir o nivel de risco.
O asteroide poderá seguir observándose ata abril, cando xa non poderá verse desde os observatorios terrestres pois seguirá a súa traxectoria, que o devolverá ás inmediacións do noso planeta en 2028 e posteriormente en 2032.
En maio, o SMPAG volverá. Se nese momento o risco de impacto segue por riba do 1 % e o seu tamaño é de máis de 50 metros, empezarían a discutirse que medidas tomar.