O laboratorio de divulgación científica da Uvigo lanza o seu primeiro conto ilustrado
O laboratorio de divulgación científica da Uvigo lanza o seu primeiro conto ilustrado
Rompepedras e a familia biológa é o título deste álbum, que pretende fomentar o activismo ambiental
O seu autor, Luís Navarro, quere publicar unha ducia de historias para promover o respecto pola natureza
Unha familia de biólogos comeza unha viaxe arredor do mundo en autocaravana co obxectivo de amosarlle á sociedade o alcance e gravidade dos problemas medioambientais.
Flora, Lugane e Carlos son os protagonistas do primeiro álbum ilustrado que nace no laboratorio de divulgación científica Divulgare.net, da Universidade de Vigo, e que dirixe o catedrático, Luís Navarro.
"Empezamos unha serie de contos ilustrados, na que imos mover polo planeta unha familia de biólogos que se van dedicar a ensinarnos adaptacións moi sorprendentes de moitos seres vivos. Imos por énfase nas plantas, van explicar os problemas que teñen estes seres vivos e as maneiras de solucionalas", di Luís Navarro, científico e autor do libro.
O periplo dos tres aventureiros comeza na Serra da Enciña da Lastra, en Ourense. O motivo: unha planta que sobreviviu aos períodos glaciais e hoxe está en perigo de extinción.
"Esta planta que aparece aquí é a Petrocoptis grandiflora, Chámanlle a rompepedras porque medra entra as pedras calcarias. Son as únicas poboacións desta planta que hai en todo o planeta e queríamos empezar esta serie de contos facendo homenaxe a unha planta moi emblemática en Galicia".
"Este libro pódese adquirir nunha páxina de mecenado, que se chama verkami e agardamos que en breve poida estar nas librarías", conta Navarro.
Se este primeiro conto ten éxito, o seu autor ten previsto publicar polo menos unha ducia de historias que divulguen coñecemento científico e promovan o respecto pola natureza.
"Está habendo máis mortes derivadas de problemas coa biodiversidade do planeta que calquera outra cuestión, incluso guerras relacionadas co cambio climático".
"Cremos que estamos nun momento no que é fundamental xerar esa vocación de conservación do medioambiente e que a xente se dea conta de que estamos nun momento da historia da humanidade moi serio, no que hai que tomar medidas xa", conclúe o científico.