Catro mozos, tres menores, investigados por unha malleira a un rapaz de 16 anos en Nigrán por celos
Catro mozos, tres menores, investigados por unha malleira a un rapaz de 16 anos en Nigrán por celos
Propináronlle patadas e puñadas que lle provocaron fractura de pezas dentais, ferida inciso contusa na cara, que necesitou de varios puntos de sutura, e varios hematomas
Ao parecer, a orixe da agresión foi unha discusión polos “celos” dun dos atacantes porque o menor agredido saudou unha moza que formaba parte do seu grupo
A Garda Civil investiga un mozo de 18 anos e tres menores de 17, con domicilio no Porriño, Mos e Tui, como presuntos autores dunha malleira a un mozo de 16 anos o pasado día 31 de xullo de 2024, durante a celebración das festas de Praia América, na localidade de Nigrán (Pontevedra).
Segundo informou este martes o instituto armado, o mozo foi agredido por un grupo de persoas que lle propinaron varias patadas e puñadas, das que foi asistido por facultativos médicos que, tras unha primeira avaliación, acordaron o seu traslado en ambulancia a un centro hospitalario.
Alí, á vítima diagnosticóuselle fractura de pezas dentais, ferida inciso contusa na cara, que necesitou de varios puntos de sutura, e varios hematomas, lesións todas elas de carácter leve.
Ao parecer, sinala a Garda Civil, a orixe da agresión foi unha discusión provocada polos “celos” dun dos atacantes porque o menor agredido saudou unha moza que formaba parte do grupo en que se atopaban os agresores.
No transcurso destes feitos, varios amigos do menor agredido que tentaron auxilialo recibiron tamén puñadas e patadas provocando a un deles lesións nun tímpano e un hematoma ao redor do ollo.
Os menores agredidos, acompañados polos seus representantes legais, presentaron denuncia ante a Garda Civil, que logrou identificar os agora investigados.
As dilixencias foron entregadas na Fiscalía de Menores de Pontevedra e no Xulgado de Garda de Vigo.