Publicador de contidos
Publicador de contidos

O mosaico romano de Panxón volve á casa tras unha odisea internacional

O mosaico romano de Panxón volve á casa tras unha odisea internacional

O Concello de Nigrán e a Asociación pola Repatriación do Mosaico presentaron a valiosa peza, que estará exposta dende febreiro

 

G24.gal 24/01/2025 21:03 Última actualización 24/01/2025 21:42

Despois dunha odisea internacional, o Concello de Nigrán e os membros da asociación pola repatriación do mosaico presentaron a valiosa peza, que vai quedar exposta a partir de febreiro.

Era un momento moi agardado. Hai unha semana entregáronllo en Madrid ao Concello de Nigrán. E agora, por fin, volveu á casa o mosaico romano de Panxón.

"Despois de 1.800 anos sendo unha propiedade privada, pasa á propiedade pública, de todos os veciños e veciñas de Nigrán. Ten un tremendo valor histórico", subliña con entusiasmo Juan González, alcalde de Nigrán.

Hai 1.800 anos o mosaico estaba no chan da vivenda dun veciño galaicorromano de Panxón. Acabou aparecendo no século XIX. Despois encaixárono nunha mesa feita a propósito para preservalo.

Volveu botar anos perdido ata aparecer no 2000 nunha poxa en Madrid. Adquiriuno unha galería de Nova York. Alí, de casualidade, atopouno á venda un veciño de Nigrán. E a vila púxose en marcha. A Asociación pola Repatriación do Mosaico xuntou 58.000 euros, dos que 40.000 foron achega do Concello. Mercárono, e así puido volver agora á casa.

"Esta peza marcará un antes e un despois na historia e no sentimento da xente de Nigrán", sinala González.

Rematada a súa odisea, van expoñer o mosaico na Casa do Concello. "Coma todas as travesías longas, ten un final feliz", conclúe o alcalde.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade