Refachos de ata 140 hora, dúas feridas en Viveiro e avisos por chuvia e temporal no mar
Refachos de ata 140 hora, dúas feridas en Viveiro e avisos por chuvia e temporal no mar
Unha muller e unha nena resultan feridas en Viveiro ao levantarse un quiosco metálico polo vento
O 112 rexistra 170 incidencias relacionadas coa borrasca
Unha fronte moi activa asociada a Éowyn deixa esta tarde aviso amarelo por chuvia en Galicia.
En terra o vendabal está a producir refachos de case 140 a hora. Burela rexistrou o refacho máis forte de 138,6 km e o Xistral de 132.
O forte vento levantou un quiosco metálico a primeira hora da tarde en Viveiro. O accidente feriu unha muller e unha nena.
Na imaxe vemos os refachos máx. ata as 18:50. Aínda nas dúas vindeiras horas teremos vento moi forte, con chuvias localmente fortes⚠️diminuíndo na madrugada.
— MeteoGalicia (@MeteoGalicia) January 24, 2025
Unha vez que a fronte abandone #Galicia, mañá chegarán os chuvascos e unha masa de aire máis fría con neve❄️nos 900-1000m pic.twitter.com/CgBjNqR6Xd
Na Coruña agárdanse acumulacións e chuvia de ata 80 litros por metro cadrado en 12 horas.
E no mar, Éowyn está a producir un temporal que mantén en alerta laranxa toda a costa. Agárdanse ventos mariños de ata forza 8, máis de 70km a hora, e ondas de 5 a 6 metros de altura.
170 incidencias relacionadas co mal tempo
A alerta laranxa decretada por fenómenos costeiros, fortes ventos e choivas intensas deixaron na xornada de hoxe un total de 162 incidencias atendidas polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia.
A provincia da Coruña foi a máis afectada, con 88 incidencias rexistradas, seguida de Lugo, onde se contabilizaron 46. Pontevedra sumou 25 incidencias, mentres que Ourense, menos afectada polo temporal, rexistrou un total de 3.
Os principais incidentes estiveron relacionados coa caída de árbores e pólas nas estradas, que xeraron 57 intervencións, seguidas das actuacións para evitar riscos derivados de obxectos inestables ou desprazados polo vento, con 39 casos. Ademais, xestionáronse 24 incidentes por obxectos varios nas vías e 10 derrubamentos.
Ás 15:45 horas, en Viveiro (Lugo), unha caseta dun quiosco foi arrastrada polos fortes ventos e impactou contra unha nai e a súa filla, que resultaron feridas con diversos traumatismos. O 112 Galicia tivo constancia do suceso a través da chamada dun particular e mobilizou aos servizos de emerxencias, incluíndo o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Viveiro, a Policía Nacional e Protección Civil. Ambas as dúas foron trasladadas ao Hospital de Burela para recibir atención médica.
Un pouco máis tarde, ás 16:20 horas, en A Laracha (A Coruña), un condutor sufriu unha saída de vía na zona de A Braña, na parroquia de Cabovilaño, ao intentar esquivar un colector desprazado pola forza do vento. Como consecuencia do accidente, o home resultou ferido. Desde o CIAE 112 Galicia activáronse os recursos necesarios, incluíndo persoal sanitario de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, efectivos da Garda Civil e membros de Protección Civil.
Por último, ás 17:55 horas, en Burgás, parroquia de Xermade (Lugo), unha marquesiña desprendeuse debido aos ventos e caeu sobre un coche estacionado, causando importantes danos materiais. Afortunadamente, o vehículo estaba baleiro no momento do impacto, polo que non houbo que lamentar danos persoais. O 112 Galicia informou aos axentes da Garda Civil e aos equipos de Protección Civil.