Publicador de contidos
Publicador de contidos

Temporal costeiro e avisos en terra por chuvia e fortes refachos de vento

Temporal costeiro e avisos en terra por chuvia e fortes refachos de vento

Todo o litoral galego está en aviso laranxa con ondas de ata sete metros de altura

Este sábado será unha xornada de transición, porque o domingo entra unha nova borrasca

Directo da cámara web da CRTVG en Muxía
G24.gal 24/01/2025 14:48

Nesta xornada de temporal costeiro, as ondas intentan saír do mar. Todo o litoral galego está en aviso laranxa pola acción combinada do vento do suroeste e mar de fondo. A media das ondas podería chegar aos 7 metros de altura. 
E o vento, como se ve nestas imaxes de Muxía, tamén se deixa sentir en terra.

"O vento irá a máis, sobre todo, pola tarde. En moitos puntos de Galicia imos ter refachos por riba dos 80 km/h. Xa tivemos na Mariña, esta mañá, refachos por riba dos 100 km/k", explica Carlos Otero, meteorólogo.

Unha fronte que vén activa e con moita auga: "Traerá chuvia intensa e nas provincias atlánticas pode deixar máis de 15 litros nunha hora", engade Otero.

A Xunta de Galicia informou de que a Comisión Escolar de Alertas acordou esta mañá ampliar a suspensión de actividades no exterior debido ás últimas actualizacións dos partes meteorolóxicos dos distintos organismos preditores. A chegada da borrasca Éowyn tamén provocou que dita comisión suspendese a actividade deportiva federada que se realice no exterior debido a un fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa por ventos.

A limitación rexerá, a partir das 18:00 horas, nas zonas suroeste, oeste e noroeste da Coruña. Esta suspensión súmase á xa comunicada onte para todo o día de hoxe nas zonas da Mariña de Lugo e a Montaña de Ourense. Ademais, mantense a cancelación da actividade deportiva federada no mar nos concellos afectados polo temporal costeiro en municipios da Coruña e Pontevedra.

O Goberno galego lembra a necesidade de manterse afastado da liña de costa, así como circular con precaución e informarse do estado das estradas antes de conducir.

 

 

Durante a madrugada vai amainar e este sábado vai ser unha xornada de transición, porque o domingo chega outra profunda borrasca que vai deixar outro temporal en Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade