Reabre un dos pasos interiores paralelos á muralla de Lugo, que levaba 25 anos pechado
Reabre un dos pasos interiores paralelos á muralla de Lugo, que levaba 25 anos pechado
Pechárase ante o risco de derruba, unha medida que ía ser provisional pero que se estendeu no tempo
A rúa está nunha das zonas da parte histórica con máis valor patrimonial entre a Catedral e o barrio da Tineria
Os lugueses xa pasean pola rúa do Moucho, un dos pasos interiores que circulan paralelos á muralla, e que levaba 25 anos pechado.
"Todo o que sexa recuperar espazos para a veciñanza paréceme moi correcto e máxime se está tan preto de algo patrimonialmente tan valioso como é a muralla de Lugo", di un veciño
Hostaleiros, veciños e turistas veranse beneficiados da súa reapertura.
"Vaille vir a todo o mundo ben, para non ter que dar un rodeo coma antes, tamén para os turistas", comenta unha hostaleira.
O paso pechárase ante o risco de derruba deste inmoble que hoxe segue apuntalado, unha medida que ía ser provisional pero que se estendeu no tempo e converteu este punto nun dos símbolos de feísmo da cidade.
"Tantos anos que isto estaba abandonado, alégrome de que o abran", asegura unha veciña.
A rúa está nunha das zonas da parte histórica con máis valor patrimonial entre a Catedral e o barrio da Tinería, para a que os veciños piden máis medidas.
"Haberá que falar cos propietarios, que o arranxen para que non haxa impacto visual, hai que actuar", piden algúns hostaleiros coma Manuel Ángel Fernández, xerente do Pazo de Orbán.