Deteñen un home que intentou roubar nunha tenda de Lugo
Deteñen un home que intentou roubar nunha tenda de Lugo
Varios viandantes evitaron que entrase no establecemento, conseguiron retelo ata que chegou a policía
Ao parecer a policía seguíalle a pista ao ladrón, que podería ter problemas mentais
Había quince minutos que o dono da tenda pasara a chave. O detido, moi alterado, empréndea a ladrillazos coa porta, pero o único que consegue é romper o ladrillo. Nun novo intento por entrar, colle unha das tapas do sumidoiro, e aí é cando consegue romper o cristal.
"Sentín uns golpes fortes, berrando, baixei abaixo e xa vin un tipo coa tapa dun sumidoiro dando golpes ao loco", explica unha muller que foi testemuña do suceso.
Antes de emprendela coa tenda, primeiro rompeu os cristais dunha furgoneta que estaba aparcada en fronte cargada de cestas de Nadal.
"Chámame a atención que o fixera á hora que foi, dentro de pouco xa o fan de día", di un veciño da zona.
Os veciños aseguran que o home estaba fóra de si e que foron varios viandantes os que conseguiron frealo ata que chegou a policía.
"Viñeron dúas patrullas, puxérono de xeonllos e esposárono. El non fixo amago de nada, metérono no coche e xa está", comenta unha muller que presenciou o suceso.
Ao parecer a policía seguíalle a pista. O detido podería ter problemas mentais.