Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rouban obras de arte valoradas en máis de 100.000 euros nunha casa de Nigrán

Rouban obras de arte valoradas en máis de 100.000 euros nunha casa de Nigrán

Os ladróns saltaron un muro para entrar na casa aproveitando que os seus propietarios estaban de viaxe; todo apunta a que sabían que ían encontrar as obras de arte na vivenda e que vixiaban ou coñecían os movementos da familia

G24.gal 17/12/2024 15:22

A Garda Civil investiga o roubo de obras de arte nunha vivenda do Monte Lourido, en Nigrán. Os ladróns entraron na casa aproveitando que os propietarios non estaban e levaron varios cadros de artistas recoñecidos.

Os ladróns saltaron un muro dun metro e medio de altura e accederon á casa por unha ventá. Levaron varios cadros de artistas recoñecidos aproveitando que os seus propietarios estaban de viaxe. Unha circunstancia que apunta a que os delincuentes sabían que ían encontrar as obras de arte na vivenda e que vixiaban ou coñecían os movementos da familia propietaria.

Non transcendeu a que artistas corresponden os cadros roubados nin hai confirmación oficial do seu valor no mercado, aínda que fontes próximas ao caso estiman que poderían superar os cen mil euros. A Garda Civil mantén aberta a investigación para tratar de dar cos autores dos feitos.

Non se descarta que poida tratarse dunha banda organizada pola precisión do roubo, pero arestora todas as hipóteses están abertas. A análise forense realizada no lugar dos feitos e as gravacións das cámaras de seguridade da zona tamén poderían dar luz sobre o asalto.

Nestes casos as obras subtraídas son incluídas nunha base de datos que permita alertar as galerías e coleccionistas do roubo e dificultar así a súa comercialización. O mercado negro de obras de arte podería ser outro dos seus destinos. Os propietarios dos cadros non quixeron facer declaracións para non dificultar a investigación da Garda Civil.
​​​​

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade