Os cinco integrantes dunha banda acusada de roubar na área de Arteixo negan os feitos
Os cinco integrantes dunha banda acusada de roubar na área de Arteixo negan os feitos
A Fiscalía pide para eles penas que van dos 11 aos 15 anos de cadea
A defensa dos cinco procesados solicita a libre absolución
"Escoitei que abrían a porta, xireime e ía dicir que estaba pechado. E entraron... Un levaba unha pistola e o outro un martelo, que foi co que rebentou a máquina comecartos".
Así contou a camareira do bar Stop de Vilarrodís, en Arteixo, como os acusados, presuntamente, levaron a cabo o roubo, en febreiro de 2020. Precisou tamén que agardaron a que marchase o último cliente para entrar no local e que un deles a apuntou cunha pistola de fogueo.
"Mandáronme tirarme ao chan. Vía como se movían, collían todo, rompéronme a chaqueta, revisáronme... Colléronme o meu teléfono, pero non o levaron. E déronme patadas nas pernas", engade.
É unha das vítimas dos cinco roubos, catro consumados e un intentado, polo que os cinco procesados son investigados. Porén todos eles negaron os feitos.
Segundo a fiscalía, a banda tiña os papeis definidos: catro deles eran os que perpetraban os roubos e un quinto agardábaos nun coche para fuxir. Pide para eles penas que van desde os 11 aos 15 anos de cadea.
A defensa pide a libre absolución.
Está previsto que o xuízo se prolongue ata o xoves vindeiro.