Publicador de contidos
Publicador de contidos

Deteñen catro galegos encargados da loxística dunha banda de atracadores internacionais

Deteñen catro galegos encargados da loxística dunha banda de atracadores internacionais

Os detidos son tres homes e unha muller, de Redondela, Vigo e Pazos de Borbén

A banda caera no asalto a unha xoiería en Valença do Minho, que acabou cun tiroteo coa GNR

G24.gal 12/12/2024 14:01

A cal e canto quedou pechada a casa de Vilanova que o grupo de atracadores usaba como asentamento base. Alugouna un home de Redondela coa súa parella. 

Contaron que era para uns familiares italianos da filla. E italianos eran, polo menos, dous deles. A maiores, na casa suponse que vivían dous albaneses e un marroquí. Apenas facían vida alí e case nin se deixaban ver, pero tampouco pasaban desapercibidos.

"Era xente normal, de mediana idade. Sempre os mesmos, uns señores que entraban e saían a distintas horas e distinto momento, pero case sempre se metían pola canella e deixaban os coches fóra, BMW, Mercedes e algún Audi", conta unha persoa que vía a trasfega. 

Esta era a segunda vez que alugaran co mesmo propietario en pouco máis dun ano. Da outra vez foran oito meses, pero marchaban e volvían e só ocuparon a casa unhas semanas. Desta vez o contrato era por catro meses, pero, só uns días despois de asinalo, a banda caeu en Portugal, no atraco a unha xoiería de Valença do Miño, en que se enfrontaron a tiros coa GNR, coa Garda Civil portuguesa. Era xente perigosa, que ía armada.

"Entraron dous, un con pistola e apuntaron á miña compañeira", explica a dependenta dun negocio da Raia.

Agora caeu o grupo que supostamente lles facilitaba o traballo aquí en Galicia. Un dos trámites foi precisamente elixir a vivenda, con horta e vistas ao mar. 

"Trátase de catro detidos que formaban parte do aparato loxístico de apoio a unha banda internacional que operaba fundamentalmente en Portugal, sobre todo, roubos en vivendas e establecementos comerciais. Os detidos actuais son tres homes e unha muller, que foron arrestados en Redondela, Vigo e Pazos de Borbén", sinala Abel Losada, subdelegado do Goberno de Pontevedra.

No rexistro da vivenda, atoparon moitos teléfonos móbiles e uns 120.000 euros. Os detidos galegos declaran mañá na Audiencia Nacional, porque hai unha orde de detención europea.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade