O Deportivo non gaña en Tenerife desde 2009
O Deportivo non gaña en Tenerife desde 2009
O 3 de outubro de 2009, un solitario tanto do defensa arxentino Diego Colotto deulle o triunfo ao equipo dirixido por Miguel Ángel Lotina
O R. C. Deportivo, que este domingo se reencontra co C. D. Tenerife no Heliodoro Rodríguez López, non gaña no estadio tinerfeño desde hai 15 anos, cando ambos os equipos aínda militaban en Primeira División.
Aquel 3 de outubro de 2009, un solitario tanto do defensa arxentino Diego Colotto deulle o triunfo ao equipo dirixido por Miguel Ángel Lotina. Desde entón, o Dépor visitou tres veces ao Tenerife, todas elas en Segunda, cun balance dunha derrota (2-0, tempada 2013-14) e dous empates.
O primeiro deles produciuse na terceira xornada do campionato 2018-19. A pesar de adiantarse en dúas ocasións, con goles de Quique e Borja Valle, o equipo branco e azul acabou cedendo dous puntos no desconto tras recibir un gol do defensa Jorge Sáenz.
E na xornada 37 da tempada 2019-20, a do descenso deportivista a Segunda División B, foi o equipo coruñés o que rescatou un punto no tempo engadido grazas a un tanto de Aketxe.
Para lembrar outra vitoria do seu equipo no Heliodoro Rodríguez López, os afeccionados do Dépor teñen que irse a principios da década dos noventa (xornada 15 da tempada 1993-94) cando un tanto de Alfredo Santaelena no minuto 66 deulle o triunfo ao cadro dirixido por Arsenio Iglesias.