O cadáver que apareceu nunha planta de reciclaxe na Coruña non ten signos de violencia
O cadáver que apareceu nunha planta de reciclaxe na Coruña non ten signos de violencia
A Policía Nacional mantén abertas dúas liñas de investigación, en espera dos resultados da autopsia
A investigación non descarta que o home atopado morto nun contedor na Coruña falecese por unha causa accidental, segundo precisou o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, que manifestou que esta é unha das hipóteses que se baralla.
A preguntas dos xornalistas, nun acto na cidade herculina, confirmou que están abertas "dúas liñas" de investigación, pero emprazou a esperar aos resultados da autopsia "e o resto das probas".
"Parece que pode ser probable que sexa un accidente, pero hai que ser prudentes e rigorosos", sinalou para ratificar que sexa así ou que sexan outras as causas.
Foi descuberto nas instalacións da empresa Utramic, na estrada de San Pedro de Visma cando os operarios procederon a baleirar un dos camións que prestan o servizo de recollida de contedores. O home era de nacionalidade marroquí e practicaba a mendicidade.
O home, de 41 anos, tiña antecedentes policiais e levaba unha pulseira telemática, das que se empregan para controlar as ordes de afastamento, pero estaba xa desactivada.